Unha senda peonil de case un quilómetro mellorará a seguridade viaria en Loureda

O núcleo de Ervedíns, na parroquia de Loureda, contará cunha nova senda peonil e melloras na súa contorna urbana grazas a un proxecto de acondicionamento da estrada provincial DP-0511. O Concello de Arteixo sacou a concurso as obras por un orzamento de 627.000 euros, cunha intervención prevista nun tramo de case un quilómetro.
A actuación pretende resolver os problemas de seguridade e accesibilidade que presenta actualmente esta vía, na que faltan beirarrúas e cunetas, a visibilidade é limitada e os vehículos circulan a velocidades elevadas. Estas condicións dificultan os desprazamentos a pé e afectan especialmente ás familias que utilizan as dúas paradas de transporte público existentes na zona, que tamén dan servizo ao transporte escolar.
Un itinerario peonil continuo e accesible
O proxecto contempla a construción dunha senda que permita camiñar con maior seguridade e conecte os distintos puntos do núcleo. Para iso, instalaranse pasos de peóns e renovarase a sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de mellorar a convivencia entre peóns e vehículos.
Iluminación LED e renovación de servizos
As obras incluirán unha nova rede de iluminación pública con tecnoloxía LED e iluminación específica nos pasos de peóns. Tamén se soterrarán as liñas eléctricas e de telecomunicacións, renovarase a rede de saneamento e adaptarase a recollida de augas pluviais á nova configuración da estrada.
A intervención completarase coa instalación de mobiliario urbano e melloras no acondicionamento do espazo público. O proxecto enmárcase nos obxectivos do Plan de Accesibilidade municipal e busca favorecer unha mobilidade máis segura e accesible en Ervedíns.