Unha ruta por San Xulián e Espenuca reabre o programa de andainas en Coirós

O Concello de Coirós retoma o seu programa de andainas polas parroquias cunha nova cita o sábado 9 de maio. A proposta, organizada a través da OMIX, permitirá descubrir a pé diferentes espazos de interese da parroquia de San Xulián de Coirós nun itinerario circular que chegará ata Espenuca.
A actividade comezará ás 10.00 horas desde o centro social e terá unha distancia aproximada de 8,5 quilómetros. A duración prevista é de arredor de dúas horas e media, nun percorrido de dificultade baixa pensado para persoas de todas as idades. No caso dos menores, deberán participar acompañados.
A ruta pasará por paisaxes e puntos destacados da parroquia, entre eles a igrexa parroquial, a área deportiva e a contorna de Espenuca, un dos espazos máis recoñecibles do municipio. Desde a organización recomendan acudir con roupa cómoda e calzado axeitado para camiñar por tramos sen pavimentar.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello de Coirós. As persoas interesadas tamén poden solicitar máis información no teléfono 981 796 088.
Con esta proposta, Coirós recupera unha programación que busca promover hábitos saudables, fomentar a convivencia veciñal e dar a coñecer o patrimonio natural, paisaxístico e cultural das parroquias do municipio.