Unha ruta organizada por Oleiros percorrerá a Serra da Enciña da Lastra o 23 de maio

O Concello de Oleiros organiza o vindeiro sábado 23 de maio unha ruta pola Serra da Enciña da Lastra, en Ourense, dentro do programa 'Andares por Galicia, a Cultura da Natureza'. A actividade permitirá coñecer un dos espazos naturais máis singulares de Galicia a través dun percorrido de 12,5 quilómetros entre Biobra e Vilardesilva, con paso por Covas e polos sendeiros sinalizados do parque natural.
Durante a camiñada, as persoas participantes poderán achegarse á riqueza natural, paisaxística e cultural deste territorio, caracterizado pola súa paisaxe calcaria, a presenza de vexetación mediterránea e a súa biodiversidade. O itinerario inclúe puntos de interese como a aciñeira senlleira de Covas, a arquitectura popular de Vilardesilva, a ermida de Santo Estevo de Pardollán, o encoro de Penarrubia, o estreito do Sil, as minas de pintura de Pardollán e un antigo forno de cal.
A ruta tamén permitirá descubrir a diversidade de orquídeas da Lastra e a presenza de aves rapaces nidificantes. A xornada rematará cunha visita cultural ao centro de visitantes do parque natural, situado en Biobra.
O programa municipal busca dar a coñecer os principais valores naturais, sociais e culturais de Galicia, así como fomentar a protección do patrimonio, a convivencia entre as persoas participantes e os hábitos saudables de ocio no medio natural.
A saída contará con tres guías especializados e ofrece 40 prazas para persoas maiores de idade. O prezo é de 23 euros e terán preferencia as persoas empadroadas en Oleiros.
As preinscricións deberán realizarse preferentemente a través da sede electrónica municipal, no apartado de Cultura, a partir do luns 11 de maio ás 10.00 horas. As persoas que non poidan completar o trámite por esta vía poderán facelo no centro cultural A Fábrica, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
As prazas asignaranse por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas desde o luns 11 ás 10.00 horas ata o martes 12 ás 14.00 horas. Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, no centro cultural A Fábrica, chamar ao teléfono 981.63.65.98 ou escribir ao correo r.caparros@oleiros.org.