Unha proposta plenaria en Betanzos busca desbloquear o futuro do Complexo San Roque

ACoruñaXa
O goberno local levará ao Pleno a cesión da concesión e dos dereitos de arrendamento á empresa Nuevas Iniciativas Betanzos S.L. para regularizar o hotel, o museo de degustación e o aparcadoiro soterrado
BETANZOS san roque
26 May 2026

O goberno local de Betanzos presentará no vindeiro Pleno unha proposta para autorizar a cesión da concesión administrativa e dos dereitos de arrendamento do Complexo San Roque á empresa Nuevas Iniciativas Betanzos S.L., despois de que os servizos xurídicos municipais emitisen un informe favorable sobre a operación.

A medida pretende abrir unha vía de solución a unha situación complexa que o recinto arrastra desde hai décadas e que afecta ao hotel, ao museo de degustación e ao aparcadoiro soterrado, instalación que nunca chegou a entrar en funcionamento. O complexo, situado no antigo asilo Manuel Naveira, é considerado polo Concello un equipamento estratéxico polo seu valor turístico, económico e social.

O informe municipal analiza a evolución da concesión, adxudicada inicialmente en 1997, e recolle diferentes incumprimentos detectados ao longo dos anos. Entre eles figuran débedas tributarias, falta de constitución de garantías obrigatorias, ausencia de póliza de responsabilidade civil e a falta de aprobación definitiva do regulamento e das tarifas do aparcadoiro.

A operación enmárcase tamén nun procedemento que se segue desde hai anos no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos. Nese contexto, Nuevas Iniciativas Betanzos S.L. e Complejo San Roque S.L. acadaron un acordo de adxudicación en pago que permitirá a subrogación da nova sociedade na posición da actual concesionaria.

Segundo o informe xurídico, non existe impedimento legal para que a nova empresa asuma a concesión e os dereitos de arrendamento, sempre que cumpra os requisitos esixidos pola normativa administrativa e contractual vixente.

A proposta de Nuevas Iniciativas Betanzos S.L. inclúe un plan de regularización integral. A empresa comprométese a asumir as obrigas pendentes, aboar as fianzas vinculadas ao contrato de arrendamento e á concesión administrativa, regularizar as débedas tributarias, contratar a póliza de responsabilidade civil e presentar a documentación necesaria para poñer en funcionamento o aparcadoiro soterrado.

O plan tamén contempla a adecuación técnica e funcional das instalacións, así como a reparación dos desperfectos existentes para adaptar o conxunto á normativa actual. Para o goberno local, a operación non supón só un cambio de titularidade, senón un intento de dar estabilidade xurídica e administrativa a todo o recinto.

A proposta plenaria incluirá tamén o desistimento do procedemento xudicial iniciado polo Concello en 2021 contra a anterior concesionaria por incumprimentos contractuais, ao entender os servizos xurídicos que a nova fórmula pode encamiñar unha solución viable.

A alcaldesa, María Barral, defende a importancia de recuperar plenamente este espazo nun momento de aumento da demanda hoteleira e de crecemento da actividade turística. O obxectivo municipal é deixar atrás anos de incerteza e avanzar cara á posta en marcha completa dun complexo con potencial para reforzar a oferta de servizos da cidade.

0.12727499008179