Unha proposta do BNG busca impulsar unha comunidade enerxética local en Bergondo

ACoruñaXa
A formación levará ao pleno unha iniciativa para crear unha oficina de transformación comunitaria que asesore á veciñanza e facilite proxectos de autoconsumo compartido
BERGONDO David Carro BNG
28 May 2026

O BNG de Bergondo levará ao pleno deste xoves unha proposta para que o Concello inicie os trámites necesarios para contar cunha oficina de transformación comunitaria e avanzar na creación dunha comunidade enerxética local.

A iniciativa busca que a administración municipal se implique nun modelo de produción e consumo de enerxía máis próximo á veciñanza, coa posibilidade de aproveitar instalacións públicas para xerar electricidade e compartila con fogares, pequenas empresas ou entidades do municipio.

O portavoz nacionalista, David Carro, defende que desde o ámbito local tamén se pode influír no mercado eléctrico e favorecer que a enerxía beneficie tanto á cidadanía como ao propio Concello. O BNG considera que este tipo de proxectos poden contribuír a reducir a factura da luz, fomentar o autoconsumo, mellorar a eficiencia e combater situacións de pobreza enerxética.

A proposta fai referencia ás oficinas de transformación comunitaria creadas a nivel estatal, así como ás axudas existentes para a súa posta en marcha. Segundo a formación, estas oficinas poden ofrecer asesoramento técnico, xurídico e administrativo ás persoas ou colectivos interesados en constituír comunidades enerxéticas.

O BNG asegura que hai veciños e veciñas de Bergondo que xa están intentando organizarse arredor deste tipo de proxectos, polo que considera importante que o Concello facilite apoio e se implique activamente. Entre as posibilidades que sinalan figura a cesión ou uso de instalacións municipais para favorecer a produción de enerxía renovable de maneira compartida.

A formación tamén pon como exemplo a experiencia doutros concellos de menor tamaño, como Coirós, San Sadurniño ou Moeche, onde se teñen impulsado iniciativas vinculadas ás comunidades enerxéticas. Para o BNG, Bergondo non debería perder a oportunidade de desenvolver un proxecto con impacto social, ambiental e económico.

Os nacionalistas sosteñen que a enerxía debe entenderse como un servizo básico e que as administracións locais teñen capacidade para actuar, especialmente nun contexto no que moitas familias seguen a sufrir dificultades para asumir o custo dos subministracións. A proposta quedará agora en mans do pleno municipal.

0.13905596733093