Unha nova oportunidade laboral chegará a Arteixo con 20 prazas de formación remunerada en construción

ACoruñaXa
O programa experiencial 'RenÓbrate' combinará nove meses de aprendizaxe e traballo en espazos públicos municipais co obxectivo de mellorar a inserción laboral
ARTEIXO casa do concello
29 Jul 2026

O Concello de Arteixo e a Fundación Laboral da Construción de Galicia desenvolverán no municipio o programa experiencial 'RenÓbrate', unha iniciativa impulsada en colaboración coa Xunta de Galicia que busca facilitar a incorporación de persoas desempregadas ao mercado laboral a través dunha formación práctica vinculada ás necesidades reais do sector da construción.

O proxecto contará con 20 prazas destinadas a persoas maiores de 18 anos inscritas como demandantes de emprego. Durante nove meses, os participantes combinarán 510 horas de formación con experiencia profesional grazas a un contrato de formación en alternancia, percibindo unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional durante todo o programa.

Ademais da aprendizaxe teórica, o alumnado realizará actuacións de mellora en diferentes espazos públicos do municipio. Entre os traballos previstos figuran reformas e pintura de locais municipais, acabados, pavimentación interior e reparación de mobiliario urbano, o que permitirá que a formación estea directamente ligada á práctica profesional.

A iniciativa forma parte dun programa pioneiro posto en marcha pola Xunta e a Fundación Laboral da Construción para responder á crecente demanda de man de obra cualificada nun sector que atravesa dificultades para atopar profesionais. O convenio conta cun investimento autonómico de preto de 1,9 millóns de euros e desenvolverase tamén noutros municipios galegos, cun total de 80 participantes.

Un dos obxectivos de 'RenÓbrate' é favorecer a contratación do alumnado unha vez rematada a formación. O programa fixa como meta que, polo menos, o 60 % dos participantes consiga un contrato de traballo de, como mínimo, tres meses a xornada completa no sector da construción nos dous meses seguintes á finalización do proxecto.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información nos teléfonos 981 995 093 e 981 995 095, ou a través dos correos electrónicos mheppe@fundacionlaboral.org e acalvino@fundacionlaboral.org.

0.11954092979431