Unha nova glorieta e máis beirarrúas transformarán a AC-542 ao seu paso pola Infesta, en Betanzos

ACoruñaXa
A Xunta licitará nas próximas semanas as obras, cun orzamento de case 1,5 millóns de euros, que abranguerán os primeiros 2,4 quilómetros da estrada e terán un prazo de execución de 12 meses
BETANZOS señal ac542 infesta
13 Nov 2026

A estrada AC-542 contará cunha profunda reforma no seu tramo inicial ao seu paso pola Infesta, en Betanzos. A Xunta autorizou a próxima licitación dun proxecto que contempla un investimento de 1.475.794,26 euros para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil ao longo dos primeiros 2,4 quilómetros da vía, desde a súa conexión coa AC-840 ata o enlace coa autovía A-6.

Entre as principais actuacións figura a construción dunha nova glorieta na conexión da AC-542 coa N-VI, así como a habilitación dun carril central que facilitará os xiros á esquerda en dirección á Coruña. O proxecto tamén prevé ampliar o paso superior sobre a liña ferroviaria para dar continuidade ao itinerario peonil pola marxe dereita da estrada en dirección a Santiago.

A intervención incluirá novos treitos de beirarrúa, a mellora dos pasos de peóns e a reorganización das paradas e refuxios de autobús. Tamén se habilitarán espazos de estacionamento e adaptarase o viario próximo ao centro Pai Menni para facilitar o aparcamento temporal dos vehículos de servizo e dos familiares das persoas usuarias.

O plan incorpora, ademais, medidas para reducir os riscos nos puntos de maior circulación. Entre elas están a creación dun paso de peóns máis próximo aos núcleos da Infesta e O Tarreo, a restrición dos xiros á esquerda no acceso a Xanrozo e o reforzo da sinalización, coa ampliación dos treitos limitados a 50 quilómetros por hora.

A Xunta sinala que o proxecto recolle propostas do plan piloto elaborado por Stop Accidentes para mellorar a seguridade na contorna de Pai Menni, así como demandas trasladadas pola veciñanza da Infesta. A actuación tamén incorpora peticións presentadas polo Concello de Betanzos.

A licitación está prevista para as próximas semanas. O obxectivo do Goberno galego é adxudicar e iniciar as obras durante o primeiro semestre de 2027, cun prazo de execución estimado de doce meses. Para desenvolver o proxecto foi necesario dispoñer de oito parcelas, cuxos expedientes expropiatorios se completaron durante o verán.

0.18814206123352