Unha mesa policial reforzará a protección das vítimas de violencia de xénero en Betanzos

ACoruñaXa
Policía Local, Garda Civil, Servizos Sociais e Subdelegación do Goberno coordinarán cada tres meses o seguimento dos casos activos do sistema VioGén
BETANZOS 8 m
20 May 2026

O Concello de Betanzos celebrou hoxe a primeira reunión da Mesa de Coordinación Policial en materia de Violencia de Xénero, un novo órgano creado no marco da Xunta Local de Seguridade para mellorar a protección das vítimas e reforzar a cooperación entre administracións.

Na mesa participan a Policía Local, a Garda Civil, os Servizos Sociais municipais e a Subdelegación do Goberno. O seu obxectivo é establecer un espazo de traballo estable no que compartir información, analizar os casos activos e adaptar as medidas de prevención, protección e seguimento ás necesidades de cada vítima.

O órgano reunirase con carácter trimestral e permitirá avanzar nunha resposta máis coordinada e áxil fronte á violencia machista. A intención é mellorar a comunicación entre os corpos de seguridade e os servizos especializados que interveñen na atención ás vítimas.

Durante a primeira sesión analizouse a situación actual dos casos incorporados ao sistema VioGén no municipio. Betanzos conta nestes momentos con 45 casos activos, dos que cinco están catalogados como de risco medio. O resto figuran como risco baixo, con ou sen medidas de protección segundo as circunstancias de cada expediente.

A posta en marcha desta mesa forma parte do traballo de coordinación institucional impulsado polo sistema VioGén, promovido polo Ministerio do Interior para garantir o seguimento integral dos casos de violencia de xénero.

O Concello subliña a importancia de fortalecer a colaboración entre administracións e servizos públicos para ofrecer unha atención integral ás vítimas e avanzar na prevención e erradicación da violencia machista.

0.11038899421692