Unha homenaxe á memoria viva de Paderne reúne a centos de persoas

ACoruñaXa
Paderne celebrou a Festa do Maior cun recoñecemento ás persoas máis lonxevas das súas nove parroquias e cunha xornada de convivencia que congregou a máis de 250 asistentes
PADERNE festa dos maiores
19 Apr 2026

Paderne volveu render tributo á súa veciñanza máis veterana nunha das citas máis emotivas do calendario local. A Festa do Maior reuniu este 28 de abril a máis de 250 persoas nunha xornada de homenaxe e convivencia na que o Concello puxo o foco no papel esencial das persoas maiores na construción da identidade do municipio.

A programación comezou ás 12.00 horas cunha misa e continuou na Casa do Concello cun pleno de recoñecemento ás persoas de máis idade de cada unha das nove parroquias. Antes, tres autocares saíran ás 11.00 horas para facilitar o desprazamento das persoas participantes desde os distintos puntos do termo municipal.

Durante o acto institucional, o alcalde, Sergio Platas, puxo en valor a contribución dunha xeración que, segundo destacou, levantou fogares, sostivo familias e axudou a construír o Paderne actual. 'Unha sociedade xusta mídese por como coida aos seus maiores', afirmou o rexedor, que tamén reafirmou o compromiso do goberno local para seguir mellorando os servizos e a calidade de vida deste colectivo.

No salón de plenos, ateigado de familiares e amizades, recibiron o distintivo como persoas máis lonxevas de cada parroquia María Consuelo Abrodos, de Viñas; Socorro Santamariña Porto, de Velouzás; Celia Louzao, de Quintas; María Remedios Cal, de Vigo; María Amado, de Adragonte; Manuel Ruanova, de Vilamourel; María Teresa Araujo, de Obre; Obdulia Couceiro, de Paderne; e José Cortés, de Souto.

Tras o acto aberto ao público, a celebración trasladouse ao restaurante El Pantano, onde tivo lugar a comida de confraternidade. A xornada completouse con música en directo e sorteos, pechando así un día marcado pola emoción e polo recoñecemento a quen representan a memoria viva do municipio.

0.11413812637329