Unha excursión desde Bergondo permitirá visitar os mosteiros de Oseira e San Pedro de Rocas

Bergondo prepara unha nova saída sociocultural para descubrir parte do patrimonio histórico e monástico de Galicia. A excursión, organizada polo Concello para o sábado 3 de outubro, levará á veciñanza ata os mosteiros de Oseira e San Pedro de Rocas e incluirá tamén tempo para coñecer O Carballiño.
A actividade forma parte da programación deseñada con motivo do 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador de Bergondo e busca conectar esta celebración con outras xoias do patrimonio monástico galego.
A xornada comezará ás 8.00 horas, coa saída do autobús desde a Casa do Concello. O programa contempla unha visita guiada ao Mosteiro de Oseira e outra ao singular Mosteiro de San Pedro de Rocas, ademais dun paseo por O Carballiño. O regreso a Bergondo está previsto aproximadamente ás 22.00 horas.
Inscricións do 15 ao 17 de setembro
A saída terá un prezo de 20 euros, con todo incluído, e está aberta a persoas maiores de 18 anos. Os menores tamén poderán participar sempre que vaian acompañados por unha persoa responsable maior de idade.
As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición entre o 15 e o 17 de setembro. Poderán facelo presencialmente na Casa da Cultura, de 9.30 a 14.00 horas, ou a través do teléfono 981 79 12 52, extensión 7.
Se a demanda supera o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo o 18 de setembro ás 12.00 horas na Casa da Cultura. As persoas empadroadas en Bergondo terán prioridade tanto no acceso ás prazas como na asignación dos asentos do autobús.
As normas da actividade tamén establecen que se terá en conta a unidade familiar para evitar, na medida do posible, que os integrantes dun mesmo fogar queden separados durante a viaxe.
Unha vez confirmada a praza, o pagamento da cota deberá realizarse entre os días 23 e 25 de setembro.