Unha excursión ao Aquapark de Cerceda ofrecerá unha xornada de lecer aos menores de Coirós o 6 de agosto

O Concello de Coirós organiza para o vindeiro 6 de agosto unha excursión ao Aquapark de Cerceda dirixida a menores de idade que teñan cumpridos 8 anos na data da actividade. A iniciativa busca ofrecer unha xornada de lecer durante o verán e contará cun total de 50 prazas.
O desprazamento realizarase en autobús. A saída está prevista ás 11.00 horas desde o Centro de Servizos Sociais e o regreso será ás 19.00 horas ao mesmo punto.
O prezo da actividade será de 6 euros para as persoas empadroadas no municipio e de 12 euros para as non empadroadas. O pagamento deberá efectuarse unha vez confirmada a praza, antes da celebración da excursión, de forma presencial e en efectivo nas oficinas do Centro de Servizos Sociais, achegando o importe exacto.
As inscricións permanecerán abertas ata o 3 de agosto e deberán realizarse seguindo o procedemento establecido polo Concello a través do formulario habilitado na súa páxina web.
A organización recomenda ás persoas participantes levar roupa de baño, toalla, chancletas, protección solar, gorra, unha muda de roupa, así como comida e bebida para pasar a xornada no parque acuático.