Unha escola ensinará a xestionar mellor os clubes de fútbol base da provincia da Coruña co apoio de LALIGA

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A Diputación da Coruña e Javier Tebas estudan crear este programa e colaborar tamén para abaratar a renovación dos campos de césped artificial
DIPU CORU tebas
10 Sep 2026

A renovación dos campos de fútbol de herba artificial da provincia da Coruña e a profesionalización dos clubs de base serán dous dos ámbitos nos que a Deputación da Coruña e LALIGA estudarán colaborar. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, reuniuse este xoves na Coruña co presidente de LALIGA, Javier Tebas, para analizar posibles vías de cooperación.

Un dos principais obxectivos será buscar solucións que permitan aos concellos afrontar a renovación dos terreos de xogo a un custo máis asumible. A Deputación sinala que moitas destas instalacións teñen xa varios anos e están chegando ao final da súa vida útil, polo que a súa substitución é unha das actuacións máis demandadas polos municipios.

Segundo explicou a institución provincial, a renovación dun campo de herba artificial pode supoñer habitualmente un investimento de entre 260.000 e 300.000 euros, unha cantidade que pode resultar difícil de asumir para moitos concellos. Por este motivo, a Deputación quere aproveitar o coñecemento técnico de LALIGA para definir alternativas que permitan reducir estes custos.

A institución provincial xa financia este tipo de actuacións a través do Plan Único (POS+) e mediante convenios cos concellos. Agora pretende incorporar tamén asesoramento especializado para conseguir que as futuras renovacións se poidan executar en condicións económicas máis favorables.

Unha escola para profesionalizar os clubs de base

A colaboración tamén podería estenderse á xestión das entidades deportivas. Deputación e LALIGA estudarán a creación dunha escola de xestión económica e profesionalización para os clubs de fútbol base da provincia.

A iniciativa parte das necesidades detectadas pola propia Deputación a través dos cursos de formación organizados este ano e dunha enquisa na que participaron máis de 240 deportistas e representantes de clubs de 60 concellos e 40 modalidades deportivas.

Entre as principais demandas trasladadas aparecen a formación en xestión económica, comunicación, captación de patrocinios, novas vías de financiamento e adaptación ao ámbito dixital.

O obxectivo é que os clubs poidan contar con ferramentas para afrontar cuestións cada vez máis complexas, como a planificación económica, as obrigas administrativas e fiscais, a comunicación, o márketing, a dixitalización ou a organización interna.

A Deputación destinou este ano 4,3 millóns de euros en axudas directas ao tecido deportivo provincial, unha partida que pretende complementar agora con iniciativas orientadas a mellorar a capacidade de xestión das entidades.

Promoción da provincia a través do deporte

Durante a reunión tamén se abordaron posibles iniciativas para promocionar a provincia da Coruña aproveitando a proxección nacional e internacional do fútbol profesional.

Entre as opcións estudadas figuran accións vinculadas ao fútbol base, actividades formativas e eventos deportivos que poidan atraer visitantes, xerar actividade económica e contribuír á difusión dos municipios coruñeses.

A Deputación e LALIGA acordaron manter aberto o diálogo para concretar estas posibles vías de colaboración e analizar a súa viabilidade.

0.14835119247437