O deporte provincial recibe preto de 770.000 euros para material, instalacións e transporte

O deporte de base e os clubs federados da provincia recibirán un novo apoio económico da Deputación da Coruña. A institución provincial vén de aprobar dúas liñas de axudas que suman 769.926,22 euros e que permitirán mellorar instalacións, renovar equipamento e facilitar os desprazamentos de entidades deportivas.
A maior parte do investimento irá destinado á compra de material e á modernización de instalacións. Son 549.926,22 euros para 75 entidades, que poderán adquirir desde tatamis, embarcacións ou maquinaria de ximnasio ata sistemas de cronometraxe, material de adestramento ou equipamento para disciplinas como remo, surf, judo, ximnasia, hípica ou escalada.
Entre os clubs beneficiados figuran varias entidades dos concellos da área. Na Coruña, o Real Club Náutico recibirá apoio para equipamento deportivo e tamén para unha furgoneta de regatas; a Sociedade de Montaña Ártabros contará con fondos para material de escalada; e o Sporting Club Casino poderá renovar equipamento cardiovascular.
Tamén haberá achegas para entidades doutros municipios próximos. En Oleiros, o Club Hockey Oleiros recibirá 25.000 euros para unha furgoneta destinada ao transporte de xogadores e adestradores. En Arteixo, o Club Surf Arteixo obterá fondos para táboas, bodyboards e material de adestramento. A lista inclúe ademais o Club Ría de Betanzos, o Judo Club Culleredo e o Clube Ximnasia Sada Tempo, que poderán reforzar o seu material deportivo.
A segunda liña de axudas, dotada con 220.000 euros, céntrase na compra de vehículos de uso deportivo. Dez clubs recibirán fondos para renovar ou adquirir furgonetas, unha das necesidades máis habituais nas entidades que compiten fóra do seu municipio e que precisan desprazar deportistas, corpos técnicos e material.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, defende que estas subvencións buscan que 'ningún club quede atrás por falta de equipamento ou dificultades loxísticas'. A Deputación destaca tamén a variedade de disciplinas incluídas, unha mostra, segundo a institución provincial, da vitalidade do tecido deportivo na provincia.