Unanimidade no pleno de Arteixo para reclamar máis fondos e melloras no SAF

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) volveu ao centro do debate municipal en Arteixo. O pleno aprobou por unanimidade unha moción para reclamar melloras nunha prestación clave para que persoas maiores e dependentes poidan seguir vivindo nas súas casas con atención profesional.
O acordo, impulsado polo BNG, pide un incremento do financiamento do SAF e reclama que as achegas da Xunta medren de xeito progresivo ata 2027. A iniciativa tamén chama ao Goberno central a asumir a súa parte de corresponsabilidade no sostemento do servizo, ao tempo que insiste na necesidade de reducir listas de espera e mellorar a atención nun contexto de envellecemento da poboación.
No plano económico, o Goberno local avanzou que o novo prego do servizo previsto para este ano situará o custo arredor dos 25 ou 26 euros por hora, unha contía que volve evidenciar a presión que o SAF exerce sobre as arcas municipais. Non é unha excepción no mapa galego: a propia FEGAMP vén advertindo do encarecemento dos contratos e da distancia entre o custo real e o que achegan outras administracións.
A moción inclúe, ademais, unha chamada a avanzar cara a un novo modelo de coidados integrais e a reforzar os recursos no municipio, con máis dotación para centros de día e residencias, como pezas complementarias para responder ás necesidades actuais e ás que veñen.