Un xogo de pistas reactiva a programación de 'Bergondo en feminino'

O Concello de Bergondo retoma esta semana a programación de 'Bergondo en feminino' cunha nova cita pensada para descubrir o municipio desde outra ollada. A proposta chega da man do 'Skeirrum Bergondo en feminino', unha andaina dinamizada con xogo de pistas ao aire libre que busca poñer en valor as pegadas das mulleres que fixeron e seguen facendo historia en Bergondo. O programa municipal mantense como unha das iniciativas de referencia en igualdade no ámbito local e foi recoñecido en 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias e pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.
A actividade arrancará ás 18.00 horas desde A Senra e terá unha duración aproximada dunha hora e media. A participación será de balde, aínda que as persoas interesadas deberán formalizar previamente a súa inscrición a través da ligazón habilitada polo Concello.
Con esta convocatoria, Bergondo dá continuidade a unha programación que neste 2026 inclúe tamén un obradoiro de costura histórica, o certame de foto-relatos e un acto final aberto á cidadanía. O proxecto, impulsado polo departamento municipal de Servizos Sociais, naceu para visibilizar a historia e o papel das mulleres do concello, ao tempo que promove a reflexión arredor da igualdade e das violencias machistas. Para máis información sobre esta actividade e as seguintes citas, o Concello mantén aberto o contacto co departamento de Servizos Sociais.