Un verán con deporte, cultura e conciliación para a veciñanza de Abegondo

ACoruñaXa
O Concello abrirá o 1 de xuño o prazo de inscrición para as actividades estivais, que incluirán campus deportivos, baile k-pop, Aula Lúdica e propostas para nenos, nenas e persoas adultas
ABEGONDO campamento veran
26 May 2026

O Concello de Abegondo prepara unha ampla programación deportiva e cultural para este verán, pensada para ofrecer alternativas de lecer, formación e conciliación ás familias do municipio. As actividades desenvolveranse principalmente entre o 22 de xuño e o 31 de xullo, con propostas dirixidas tanto á infancia como á mocidade e ás persoas adultas.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 1 de xuño, e permanecerá dispoñible ata o 20 de xuño ás 12.00 horas. As solicitudes poderán tramitarse a través da sede electrónica municipal ou no Rexistro Municipal. No caso de que a demanda supere as prazas dispoñibles, terán prioridade as persoas empadroadas en Abegondo.

Entre as principais propostas figuran os campus de ximnasia rítmica, multideportes, fútbol, hípica, taekwondo e 'exploradores activos'. A maior parte destas actividades desenvolverase en horario de 10.00 a 14.00 horas, con prazas limitadas e grupos reducidos. Tamén se ofertarán clases de baile k-pop no local social de San Tirso durante os martes de xullo, de 11.00 a 13.00 horas.

A programación deportiva complétase cunha saída gratuíta ao Aquapark de Cerceda o venres, 31 de xullo, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. A actividade estará dirixida a rapazas e rapaces de 8 anos ou máis que saiban nadar, cun total de 55 prazas dispoñibles e prioridade para o alumnado das actividades municipais culturais e deportivas.

A oferta municipal incorpora tamén a Aula Lúdica, integrada no programa Abeteca, como recurso de conciliación para menores de 3 a 14 anos. Funcionará en xullo e agosto de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas, cun prezo mensual de 89 euros e de 50 euros por quincena. Ademais, as familias poderán complementar este servizo con 'Concilia Verán', que permitirá ampliar horarios desde as 7.30 horas e ata as 16.30 horas cun custo de 2 euros por hora.

Para as persoas adultas haberá actividades fitness, ximnasia saúde, pilates, adestramento funcional, ciclo indoor, ximnasio nos Loureiros e escola municipal de hípica. Tamén se inclúen propostas culturais e formativas, como reforzo en logopedia, un curso de introdución á lingua e á cultura galegas e a oferta da Aula Mentor.

As actividades municipais contan cun seguro obrigatorio de 8 euros, válido para todas as escolas municipais ata o 31 de agosto de 2026. As familias numerosas, as persoas maiores de 65 anos e aquelas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% poderán beneficiarse dun desconto do 15%, sempre que acrediten a súa situación.

0.11897301673889