Un todoterreo híbrido enchufable reforzará a brigada de obras de Ordes cun investimento de 33.000 euros

ACoruñaXa
O Concello busca substituír o vehículo sinistrado recentemente por un con tracción 4x4 e distintivo Cero Emisións
ORDES concello
10 Nov 2026

A brigada de obras contará cun novo todoterreo híbrido enchufable para facilitar os desprazamentos e os traballos de conservación e protección do medio ambiente, especialmente en camiños rurais e zonas de difícil acceso. O Concello de Ordes iniciou o proceso de contratación deste vehículo, que substituirá o que sufriu un accidente recentemente. O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 23 de novembro.

O orzamento de licitación ascende a 33.000 euros, IVE incluído, mentres que o valor estimado do contrato se sitúa en 27.272,73 euros, sen impostos.

Segundo os pregos técnicos, o vehículo deberá dispor de tracción 4x4, distintivo ambiental Cero Emisións e motorización híbrida de gasolina e eléctrica. Tamén terá que contar con cambio automático, unha potencia mixta mínima de 220 cabalos e capacidade para cinco ocupantes.

Entre os requisitos figuran ademais cinco portas, carrozaría tipo todoterreo ou SUV, gancho de remolque e un maleteiro de polo menos 300 litros. O vehículo poderá ser novo ou ter unha antigüidade máxima de tres anos, sempre que non supere os 15.000 quilómetros acreditados.

A unidade deberá entregarse en cor branca, coa rotulación identificativa do Concello de Ordes e unha garantía mínima dun ano.

Con esta adquisición, o Goberno local busca dotar de novo os servizos municipais dun vehículo versátil e eficiente que facilite o acceso do persoal a distintos puntos do municipio e reforce a capacidade de actuación da brigada de obras.

0.15569090843201