Un TFG da UDC sobre violencia na pornografía recibe o Premio Valedora do Pobo

ACoruñaXa
Jimena Cardona Felipe foi recoñecida polo seu estudo sobre o impacto destes contidos nas prácticas sexuais da mocidade universitaria
A CORUÑA udc tfg pornografía
19 Jun 2026

A Universidade da Coruña volveu situarse entre as institucións recoñecidas polos Premios Valedora do Pobo grazas ao traballo de Jimena Cardona Felipe, galardoado na categoría de Traballo de Fin de Grao pola súa investigación 'Violencia en la pornografía y su impacto en las prácticas sexuales de los jóvenes universitarios/as: Un estudio cualitativo en la UDC'.

O estudo, premiado ex aequo, aborda unha cuestión cada vez máis presente no debate social e educativo: o papel da pornografía como fonte de aprendizaxe sexual entre a mocidade. A investigación analiza como determinados contidos poden condicionar a maneira na que os mozos e mozas interpretan as relacións sexuais, o consentimento, o desexo ou a violencia.

Segundo recolle a información publicada pola propia Valedora do Pobo, o traballo foi seleccionado dentro da sexta edición destes premios, que recoñecen os mellores TFG e TFM en materia de igualdade e dereitos das mulleres. O obxectivo dos galardóns é poñer en valor investigacións universitarias que contribúan a visibilizar desigualdades e a avanzar nunha sociedade máis igualitaria.

A investigación de Cardona Felipe emprega unha metodoloxía cualitativa centrada no alumnado da UDC. O traballo parte da idea de que o acceso temperán e masivo á pornografía a través de internet pode ter impacto na construción da sexualidade, especialmente cando non existe unha educación afectivo-sexual suficiente que axude a interpretar de maneira crítica estes contidos.

A entrega dos premios celebrouse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e contou coa asistencia do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, que felicitou ás premiadas e destacou o papel da investigación académica para avanzar na igualdade.

Na mesma edición tamén foi recoñecida outra alumna da UDC, Genoveva Gundín González, polo TFM 'Los derechos afectivos y sexuales de las mujeres mayores: un estudio piloto en una gran urbe gallega y su área metropolitana'.

0.13799905776978