Un proxecto piloto instalará trampas contra a vespa velutina nas sete parroquias de Irixoa

O Concello de Irixoa porá en marcha nas próximas semanas un proxecto piloto para controlar a presenza da vespa velutina nas sete parroquias do municipio. A actuación consistirá na colocación de dúas trampas específicas en cada parroquia, co obxectivo de reducir a actividade desta especie invasora e limitar a formación de novos niños.
O plan iniciarase na primavera, coincidindo coa saída das raíñas fundadoras tras o inverno. Esta fase considérase clave para frear a expansión da velutina, xa que permite actuar antes de que se formen novas colonias e de que aumente a súa presenza durante os meses de maior actividade.
A medida terá continuidade durante a primavera avanzada e o verán, período no que se incrementa o movemento de exemplares e no que resulta máis efectiva a detección dos focos con maior presenza. O proxecto contará con seguimento técnico para avaliar os resultados, revisar as localizacións das trampas e estudar posibles ampliacións no futuro.
A vespa velutina supón unha ameaza para a biodiversidade, a apicultura e a seguridade cidadá. A súa presenza afecta especialmente ás abellas e a outros insectos polinizadores, fundamentais para o equilibrio ambiental e para a actividade agrícola.
Desde o Concello solicítase a colaboración da veciñanza para comunicar posibles avistamentos de niños ou zonas con alta presenza de velutinas. Tamén se pide respectar as trampas instaladas e non manipulalas, para garantir o correcto funcionamento do dispositivo.