Un proxecto do IES Isaac Díaz Pardo de Sada leva a modelización matemática dun foguete de SpaceX a SIMO Educación

ACoruñaXa
A experiencia coordinada polo profesor Francisco Martínez Seoane foi seleccionada entre as 35 propostas finalistas dos premios de innovación educativa, escollidas entre máis de 200 candidaturas
SADA ies isaac diaz pardo
9 Nov 2026

Un proxecto educativo desenvolvido no IES Isaac Díaz Pardo de Sada levará a investigación aeroespacial ás aulas de matemáticas de Bacharelato. A iniciativa, titulada 'Modelización matemática do SpaceX Falcon Heavy mediante ecuacións logarítmicas', foi seleccionada entre as 35 experiencias finalistas dos XIV Premios á Innovación Educativa e Experiencias Docentes Innovadoras de SIMO Educación 2026, que se celebrará do 11 ao 13 de novembro en IFEMA Madrid.

O profesor de Matemáticas Francisco Martínez Seoane, coordinador da proposta, presentará a experiencia este venres, día 13, ás 13:30 horas, no salón de actos do encontro. O proxecto figura entre os catro seleccionados na categoría de Mellor Experiencia Innovadora de Secundaria e Bacharelato, nunha convocatoria que recibiu máis de 200 candidaturas de centros e docentes de todo o país.

A proposta utiliza o lanzamento do foguete Falcon Heavy, de SpaceX, como punto de partida para aplicar contidos matemáticos a unha situación real. A partir de datos de telemetría do voo, o alumnado traballa con funcións logarítmicas para modelizar a evolución da altitude, representar a traxectoria e analizar conceptos como os límites, a continuidade e a derivabilidade.

Da telemetría espacial á maqueta do foguete

A experiencia combina diferentes metodoloxías de aprendizaxe, como a aula invertida, o traballo por proxectos e a gamificación. O alumnado consulta previamente materiais e datos do lanzamento e, posteriormente, organízase en equipos que funcionan como estacións de control dunha misión espacial, resolvendo retos matemáticos por etapas.

O traballo complétase co uso do programa GeoGebra para representar as curvas e comprobar os resultados, así como cun obradoiro maker no que se constrúe unha maqueta articulada a escala do Falcon Heavy. Deste xeito, os conceptos matemáticos pasan do cálculo e a representación dixital a unha aplicación práctica.

O proxecto tamén incorpora medidas de atención á diversidade mediante a distribución de diferentes funcións dentro dos equipos, para favorecer a participación de todo o alumnado. Segundo a memoria presentada á convocatoria, a experiencia busca conectar as matemáticas coa ciencia e a tecnoloxía actuais e ofrecer recursos que poidan ser reproducidos noutros centros educativos.

A selección en SIMO Educación permitirá dar a coñecer o traballo desenvolvido desde o instituto de Sada nun dos principais encontros profesionais sobre tecnoloxía e innovación educativa do país.

0.14770793914795