Un programa de autoestima e empoderamento arrinca en Coirós

ACoruñaXa
María Soto impartirá 'Quérome' no Edificio de Usos Múltiples entre o 19 de maio e o 23 de xuño, nunha actividade organizada polo Centro de Información á Muller
COIRÓS programa quérome
19 May 2026

O Concello de Coirós pon en marcha este martes 19 de maio o programa 'Quérome', unha proposta dirixida a traballar a autoestima, o empoderamento persoal e a mellora emocional.

A actividade desenvolverase no Edificio de Usos Múltiples e constará de 9 sesións, sempre en horario de 10.00 a 13.00 horas. O calendario inclúe os días 19 e 26 de maio, así como o 2, 4, 9, 11, 16, 18 e 23 de xuño.

O programa será impartido por María Soto, creadora do primeiro método educativo español baseado na Pedagoxía Adleriana, coñecido como Método Educa Bonito. A súa intervención centrarase en ofrecer ferramentas para reforzar a confianza persoal, mellorar a xestión emocional e favorecer o benestar.

A iniciativa está organizada polo Centro de Información á Muller de Coirós e conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Desde o Concello destacan o interese de impulsar propostas que axuden ás participantes a coidarse, recoñecer as súas capacidades e fortalecer a súa autonomía. As persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar máis información no teléfono 981 776 296.

0.11619210243225