Un orzamento de case 17 millóns busca reforzar os servizos públicos e os investimentos en Sada

O Goberno municipal de Sada someterá á aprobación do pleno o Orzamento 2026, unhas contas que ascenden a preto de 17 millóns de euros e que, segundo o Executivo local, están orientadas a consolidar os servizos públicos, incrementar os investimentos e avanzar na modernización do municipio.
O documento económico reserva máis de 14,2 millóns de euros para gasto corrente, co obxectivo de garantir o funcionamento ordinario dos servizos municipais, e incorpora 2,6 millóns de euros para operacións de capital. O Goberno local defende que esta distribución permite manter o equilibrio entre a atención diaria á veciñanza e a execución de novas actuacións.
Un dos capítulos máis relevantes é o de investimentos reais, que supera os 2,5 millóns de euros. Entre as partidas previstas figuran 487.500 euros para o proxecto do Río Maior, 165.000 euros para o acondicionamento de camiños municipais e 90.000 euros para a adquisición dun camión basculante destinado á brigada de Obras e Servizos.
As contas tamén contemplan máis de 150.000 euros para reforzar os medios da Policía Local e do Servizo de Emerxencias Municipal, con maquinaria, vehículos e novo equipamento. A mellora das infraestruturas básicas terá igualmente presenza no orzamento, con 55.000 euros para saneamento, 65.000 euros para abastecemento de auga e actuacións en alumeado público e espazos urbanos.
No eido social, o Concello destinará máis de 3 millóns de euros á atención ás persoas. Destaca o Servizo de Axuda no Fogar, cun contrato aprobado recentemente en pleno, así como 1,2 millóns de euros para dependencia e 225.000 euros para atención básica. A estas cantidades súmanse 650.000 euros para a xestión da Escola Infantil municipal e outras obras de mellora.
A área educativa tamén contará con partidas específicas. O orzamento inclúe 224.367 euros para continuar coa tramitación da expropiación de terreos necesaria para a ampliación do CEIP Sada e Contornos. Ademais, recóllense 130.000 euros para investimentos en escolas infantís e centros públicos, actuacións consensuadas coas direccións dos propios centros.
As instalacións deportivas, culturais e veciñais tamén forman parte da planificación económica. Entre os proxectos máis destacados atópanse os 225.000 euros reservados para a rehabilitación da Capela de San Roque e os 65.000 euros destinados á reforma da Casa do Pobo de Meirás.
O Goberno local sinala que as actuacións se repartirán polo conxunto do municipio, tanto no núcleo urbano como nas parroquias, co propósito de responder a necesidades vinculadas á mobilidade, os espazos públicos, as praias e os equipamentos. O alcalde, Benito Portela, defendeu que estas contas 'demostran con cifras o compromiso cun modelo de Sada máis xusto, máis moderno e mellor preparado para o futuro' e destacou que o Executivo mobiliza preto de 17 millóns de euros para continuar a transformación do municipio 'con feitos'.