Un obradoiro forestal dará formación e emprego a 20 persoas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

ACoruñaXa
O programa Lambre Mandeo durará nove meses e permitirá actuar en rutas, áreas recreativas, espazos naturais e zonas de uso social dos catro concellos
ARANGA obradoiro forestal
25 Jun 2026

Vinte persoas desempregadas de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior participarán durante os próximos nove meses no obradoiro de emprego Forestal Lambre Mandeo 2026, unha iniciativa centrada na conservación e mellora de montes que combina formación práctica, traballo remunerado e actuacións directas sobre o territorio.

O programa permitirá ao alumnado obter o certificado de profesionalidade en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes, unha cualificación con validez en todo o territorio estatal. As persoas participantes contarán cun contrato para a formación e a aprendizaxe e percibirán unha remuneración durante o desenvolvemento do obradoiro.

A iniciativa conta cun investimento de preto de 455.000 euros e está impulsada en colaboración cos catro concellos participantes. Os alcaldes destacaron durante a apertura do programa que este tipo de formación pode abrir novas oportunidades laborais á veciñanza, especialmente nunha especialidade que xa conta con demanda en empresas da contorna.

O obradoiro incluirá 17 actuacións de conservación, acondicionamento e mellora de espazos naturais, recreativos e sociais. En Aranga, os traballos desenvolveranse na área forestal do Mirador do Vieiro, na área recreativa fluvial de Ponte-Aranga e na área deportiva municipal do Centro Deportivo do Concello.

En Irixoa, o alumnado actuará nas rutas forestais SM6, entre Veiga do Mandeo e Xielas; SM7, entre Xielas e Ambalasaugas; e SM9, entre As Pías e Zarzo. Tamén se realizarán intervencións nas áreas da Viña, da Graña e do Pazo de Irixoa.

No caso de Monfero, os traballos centraranse na conservación e acondicionamento da zona verde e forestal que rodea o Mosteiro, un espazo de especial valor patrimonial e ambiental.

En Vilarmaior, o obradoiro permitirá mellorar a senda fluvial do Muíño das Ferreñas, as áreas recreativas da Armada, Torres, O Tres e Grandal, así como as áreas sociais de Doroña e da Casa da Cultura.

O proxecto busca mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúe ao coidado de espazos públicos e naturais de uso veciñal. A formación en grupos reducidos permitirá unha atención máis personalizada e orientada ás necesidades reais do mercado laboral, especialmente en tarefas forestais, ambientais e de mantemento do territorio.

0.12214589118958