Un novo servizo ofrecerá atención individualizada ás persoas con párkinson en Perillo

ACoruñaXa
A Asociación Parkinson Galicia-A Coruña atenderá con cita previa nas oficinas de Servizos Sociais de Villa Echeverry a partir do 15 de maio
OLEIROS Villa Echeverry
6 May 2026

As persoas veciñas de Oleiros afectadas polo párkinson contarán desde o vindeiro 15 de maio cun novo punto de información e primeira atención individualizada en Perillo. O servizo estará situado nas oficinas de Servizos Sociais do edificio de Villa Echeverry e funcionará baixo cita previa.

A iniciativa nace da colaboración entre o Concello de Oleiros, a Asociación Parkinson Galicia-A Coruña e a Fundación 'La Caixa', co obxectivo de achegar ás persoas afectadas e ás súas familias información sobre a enfermidade, os recursos dispoñibles e os apoios que ofrece a entidade.

A atención prestarase os venres, cunha periodicidade quincenal. As persoas interesadas poden solicitar cita directamente coa Asociación Parkinson Galicia-A Coruña nos teléfonos 981 241 100 e 618 950 128, ou a través do correo electrónico info@parkinsogaliciacoruna.org
.

O Concello sinala que esta medida supón un paso máis na liña de colaboración estable que mantén desde hai anos con entidades sociais vinculadas á atención de persoas con distintas enfermidades. Neste caso, a coordinación entre a asociación e os Servizos Sociais Comunitarios permitirá garantir tanto a reserva do espazo como unha intervención conxunta se fose necesaria.

Para presentar o recurso, o pasado 27 de abril celebrouse unha reunión informativa en Villa Echeverry na que participaron 25 profesionais dos ámbitos social e sanitario. Ao encontro asistiron representantes dos Servizos Sociais Comunitarios de Oleiros, dos centros de saúde de Perillo, Oleiros e Santa Cruz, da residencia pública de maiores, de residencias privadas do municipio e do equipo do Servizo de Axuda no Fogar.

As persoas que precisen máis información poden contactar tamén cos Servizos Sociais Comunitarios de Oleiros no teléfono de atención á veciñanza 981 610 000 ou no correo electrónico s.sociais@oleiros.org.

0.11697196960449