Un novo enlace coa autovía de Langosteira e a eliminación da peaxe de Pastoriza centran as demandas de Arteixo

ACoruñaXa
O pleno reclama ao Ministerio de Transportes recuperar a tramitación da conexión da AC-415 coa autovía e aborda tamén un novo Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2027-2029
ARTEIXO porto exterior
27 Aug 2026

O Goberno municipal de Arteixo levou ao pleno unha moción na que solicita ao Ministerio de Transportes que retome a tramitación do novo enlace da estrada AC-415 coa autovía do Porto Exterior de Langosteira ao seu paso por Meicende. O obxectivo principal desta actuación é desviar o tráfico pesado e de mercadorías perigosas dos núcleos habitados, especialmente de Meicende e Pastoriza.

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, sinalou durante a sesión plenaria que a presenza de importantes infraestruturas industriais no municipio condicionou historicamente as comunicacións debido ao tránsito de vehículos pesados e de mercadorías perigosas. Nesta zona atópanse empresas como Repsol, Repsol Butano e Air Liquide, que empregan camións para parte da súa distribución.

A proposta de crear esta conexión coa autovía permitiría que os vehículos procedentes destas instalacións puidesen acceder directamente á nova infraestrutura, evitando atravesar o centro urbano de Meicende.

Un proxecto iniciado hai máis dunha década

O Concello de Arteixo xa presentara no ano 2012 ao Ministerio un proxecto para conectar a AC-415 coa vía de acceso ao Porto Exterior. A actuación perseguía dous obxectivos principais: mellorar as comunicacións dos veciños de Meicende e Pastoriza e crear un vial perimetral á refinería de Repsol que permitise eliminar o paso de tráfico pesado e de mercadorías perigosas polo núcleo urbano.

En 2015, o Ministerio de Fomento orzamentou a actuación e iniciou a elaboración do proxecto, que contemplaba un investimento de 6,67 millóns de euros máis IVE. A proposta incluía a construción dun vial entre a zona da avenida de Butano, en Meicende, e o punto no que a nova autovía cruza coa AC-415, onde se situarían dous accesos, un de entrada e outro de saída.

Os trámites continuaron durante os anos 2016, 2017 e 2018, con partidas próximas aos tres millóns de euros nos orzamentos correspondentes. Porén, cando os procedementos expropiatorios e ambientais estaban próximos á súa conclusión, o Ministerio de Transportes deixou de incluír partidas específicas para esta conexión.

O Goberno local considera que a paralización da actuación mantén os problemas derivados do paso habitual de vehículos pesados e de mercadorías perigosas por zonas urbanas.

Arteixo reclama tamén eliminar a peaxe de Pastoriza

A mesma moción inclúe outra petición relacionada coas comunicacións por estrada: a eliminación da peaxe de Pastoriza. Segundo os datos achegados polo Concello, o custo actual do rescate parcial da concesión da autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55), no tramo entre A Coruña e a A-6, ascendería en 2026 a uns 10 millóns de euros.

O Concello de Arteixo e a Xunta de Galicia xa trasladaran en 2019 ao Ministerio unha proposta de convenio para abordar o rescate parcial da concesión e modificar a titularidade deste tramo, coa participación das tres administracións e da empresa concesionaria.

Dentro daquela proposta, Arteixo comprometíase a aplicar unha bonificación de ata o 90 % do BICE que paga a concesionaria, co obxectivo de contribuír a reducir o custo da eliminación da peaxe. O resto do importe repartiríase en cinco anualidades.

O Concello defende que a supresión da peaxe beneficiaría directamente aos preto de 35.000 veciños de Arteixo e tamén aos miles de traballadores que se desprazan diariamente cara aos polígonos industriais de Sabón e Morás.

Aprobado o Plan Estratéxico de Subvencións 2027-2029

Durante a sesión plenaria tamén se aprobou o novo Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Arteixo, que será o instrumento de planificación da actividade subvencional municipal durante o período 2027-2029.

O documento establece diferentes ámbitos de actuación. No apartado social e asistencial inclúense programas de intervención social, atención a colectivos vulnerables e emerxencia social, así como achegas a entidades como Cáritas, ASPACE, ADACECO e APEM.

Outro dos eixes céntrase no ámbito educativo, con apoio ás ANPAS para a xestión dos comedores escolares, equipamento e mantemento tecnolóxico dos centros, bolsas de comedor e outras iniciativas relacionadas coa comunidade educativa.

O plan tamén contempla axudas para actividades culturais e de dinamización sociocultural, incluídas subvencións a entidades como a Banda de Música de Arteixo e o Orfeón, así como apoio a asociacións xuvenís e culturais, festas, actividades comunitarias e diferentes premios.

No ámbito deportivo prevese o mantemento das subvencións a clubs e entidades, ademais de liñas de concorrencia para actividades deportivas, bolsas e axudas a deportistas e programas relacionados co deporte federado, o deporte base e a actividade física.

Finalmente, o documento recolle medidas de apoio á promoción económica, ao emprego, ao comercio local, ao asociacionismo veciñal e á participación cidadá, ademais de subvencións vinculadas a investimentos e servizos de interese xeral, como actuacións de accesibilidade, eficiencia enerxética, saneamento, equipamentos educativos e culturais e transporte.

0.17760109901428