Un novo alumeado en Coruxou reducirá ata un 20 % a factura eléctrica de Irixoa

A parroquia de Coruxou, en Irixoa, conta xa cunha rede de iluminación pública renovada grazas a unha achega de máis de 21.000 euros da Xunta de Galicia, concedida a través do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo. A actuación permitirá ao Concello diminuír entre un 15 % e un 20 % o gasto na factura eléctrica, segundo destacou este mércores a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, durante unha visita ao municipio acompañada polo alcalde, Antonio Deibe.
O proxecto centrouse na substitución das luminarias existentes por novos puntos de luz LED de baixo consumo. A intervención responde ás deficiencias detectadas na rede anterior, que, malia contar tamén con tecnoloxía LED, presentaba un consumo elevado e problemas de estabilidade en episodios de mal tempo, especialmente durante as tormentas. Estas incidencias provocaban avarías recorrentes e cortes no servizo.
Ademais da renovación das luminarias, os traballos incluíron a instalación de tomas de terra, unha mellora técnica pensada para reforzar a protección do sistema, reducir fallos e alongar a vida útil da infraestrutura.
Belén do Campo puxo en valor o 'dobre beneficio' da actuación, ao supoñer un aforro económico e enerxético para as arcas municipais e, ao mesmo tempo, unha mellora dun servizo esencial para a seguridade viaria e peonil. A delegada subliñou tamén que este tipo de proxectos forman parte da estratexia da Xunta para avanzar cara a concellos máis eficientes, sostibles e preparados fronte ás necesidades actuais.
A renovación da iluminación terá tamén efectos positivos sobre o contorno nocturno. As novas luminarias permiten unha distribución máis controlada da luz, evitando a súa dispersión innecesaria cara ao ceo e cara ás zonas naturais próximas. Deste xeito, redúcese a contaminación lumínica e contribúese á preservación ambiental nunha contorna rural como a de Irixoa.
O Fondo de Compensación Ambiental non competitivo repartiu o pasado ano 6 millóns de euros en toda Galicia, co obxectivo de reinvestir o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial. Na provincia da Coruña, esta liña contou con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios. Na comarca de Betanzos, as axudas ascenderon a case 126.000 euros e chegaron aos concellos de Irixoa, Aranga, Curtis, Sobrado e Vilasantar.