Un mercado con sabor mariñeiro abrirá as Festas do Carme en Sada

ACoruñaXa
A cita reunirá artesanía os días 18 e 19 de xullo no paseo marítimo, con espazo para arredor de 30 postos
SADA mercado mariñeiro
25 Jun 2026

Sada prepara unha nova edición do Mercado Mariñeiro, unha das propostas incluídas nas Festas do Carme 2026 e coa que o Concello quere reforzar a identidade da vila ligada ao mar, á pesca e á súa tradición portuaria. A iniciativa celebrarase os días 18 e 19 de xullo no paseo marítimo, na contorna da zona portuaria.

O mercado estará dedicado á artesanía de temática mariñeira e busca poñer en valor o traballo dos creadores e produtores artesáns, ao tempo que se ofrece un atractivo máis dentro da programación festiva. O Concello destaca que este tipo de celebracións teñen tamén un efecto dinamizador na economía local, ao atraer visitantes e favorecer a actividade comercial e hostaleira.

As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude desde as 9.00 horas do 22 de xuño ata as 23.59 horas do 28 de xuño. As autorizacións permitirán ocupar espazos de uso público para a instalación dos postos durante as dúas xornadas da feira.

O Mercado Mariñeiro instalarase no paseo marítimo de Sada, á altura da zona portuaria, entre o edificio da Axudantía de Mariña e a zona de finalización do carril bici. A previsión municipal é habilitar espazo para arredor de 30 postos de venda.

A Concellería de Cultura impulsa esta proposta co obxectivo de unir festa, cultura e promoción económica. O sector artesán, sinala o Concello, combina creación artística, funcionalidade e valor cultural, polo que a súa presenza nas Festas do Carme permitirá achegar ao público pezas feitas a man e produtos vinculados ao imaxinario mariñeiro.

As Festas do Carme manteñen un fondo vínculo coa historia de Sada e coa súa relación co mar. A través deste mercado, o Concello quere contribuír a conservar ese carácter mariñeiro e crear un espazo de encontro para veciñanza, visitantes e artesáns nunha das celebracións máis simbólicas do verán sadense.

0.12232613563538