Un grupo de autoaxuda buscará romper o tabú da incontinencia en Culleredo

ACoruñaXa
O Concello e a asociación ASIA preparan unha iniciativa de apoio para persoas con incontinencia urinaria ou fecal, co obxectivo de ofrecer un espazo seguro e mellorar a súa calidade de vida
CULLEREDO asia
26 May 2026

Culleredo porá en marcha unha nova liña de colaboración coa Asociación para a Incontinencia (ASIA) para ofrecer apoio ás persoas que conviven con esta problemática e contribuír a romper o estigma que aínda existe arredor dela.

A iniciativa busca crear no municipio un grupo de autoaxuda no que as persoas afectadas poidan compartir experiencias, recibir orientación e atopar un espazo seguro no que falar dunha realidade que, en moitos casos, continúa vivíndose en silencio por vergoña ou descoñecemento.

A incontinencia urinaria e fecal pode estar asociada a diferentes doenzas e afectar a persoas de distintas idades. Máis alá das consecuencias físicas, esta situación pode condicionar a vida social, laboral, familiar e emocional de quen a padece, especialmente cando non conta con información ou apoio suficiente.

O acordo con ASIA permitirá impulsar accións de concienciación e acompañamento, coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e facilitar que poidan acceder a recursos de apoio máis próximos.

Dentro desta liña de sensibilización, a entidade promove unha campaña baseada no xesto de cruzar os dedos de ambas mans, un símbolo co que pretende dar visibilidade á incontinencia e normalizar a conversa sobre esta problemática. Alumnado de A Escada sumouse xa a esta campaña tras o encontro mantido para activar a colaboración no municipio.

A proposta reforza o traballo comunitario en Culleredo e incorpora unha realidade pouco visible á rede de apoio social local, poñendo o foco na importancia de falar, acompañar e reducir o illamento das persoas afectadas.

0.12372493743896