Un estudo da UDC abre unha nova vía terapéutica fronte ás infeccións por Staphylococcus aureus resistentes aos antibióticos

Un equipo internacional de investigación no que participa o investigador da Universidade da Coruña Álvaro Mourenza deu a coñecer unha nova estratexia terapéutica que podería supoñer un avance significativo na loita contra as infeccións causadas por Staphylococcus aureus, unha das bacterias máis problemáticas pola súa resistencia aos antibióticos a nivel mundial.
O traballo, publicado na revista científica MicrobiologyOpen, céntrase nun dos grandes desafíos actuais da microbioloxía clínica: a capacidade que teñen determinadas bacterias para sobrevivir no interior das células humanas. Este mecanismo permítelles agocharse do sistema inmunitario e reducir a eficacia dos tratamentos convencionais, favorecendo infeccións persistentes e posibles recaídas.
Co obxectivo de atopar novas solucións, o equipo realizou unha análise masiva de 6.297 compostos con actividade biolóxica coñecida. Desta criba identificouse a molécula 5-fluoro-2’-deoxicitidina (5-FdC) como unha candidata especialmente prometedora para actuar contra infeccións intracelulares provocadas por S. aureus.
Os mellores resultados obtivéronse ao combinar este composto coa rifapentina, un antibiótico xa empregado na práctica clínica. A combinación mostrou un efecto sinérxico fronte a distintas cepas da bacteria, incluídas as resistentes á meticilina (MRSA), consideradas pola Organización Mundial da Saúde como patóxenos prioritarios na investigación de novos tratamentos.
A eficacia da estratexia foi confirmada en diferentes modelos experimentais, tanto en cultivos celulares como en modelos animais, nos que se observou unha redución significativa da carga bacteriana sen sinais de toxicidade nas condicións avaliadas.
As análises moleculares realizadas revelan que este enfoque actúa de forma dual: sobre a propia bacteria e sobre mecanismos celulares do organismo hóspede. Este concepto, coñecido como “host-pathogen dual targeting”, supón unha liña innovadora no desenvolvemento de terapias máis eficaces fronte a infeccións difíciles de erradicar.
Segundo os autores, estes resultados constitúen unha proba de concepto que reforza o potencial da reutilización de fármacos xa existentes para combater a resistencia antimicrobiana, considerada pola OMS unha das maiores ameazas para a saúde global nas próximas décadas.
O estudo está coordinado por Michal Letek e conta coa participación de equipos de diferentes institucións nacionais e internacionais, consolidando o papel do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC e do INIBIC como referentes na investigación biomédica orientada á loita contra as infeccións resistentes.