Un encontro europeo en Hungría aborda novas fórmulas para xestionar os espazos verdes urbanos en Arteixo

O Concello de Arteixo participou entre o 3 e o 5 de novembro no terceiro encontro transnacional da rede europea PARKS, celebrado na cidade húngara de Veszprém. A iniciativa, integrada no programa URBACT IV, reúne municipios europeos para compartir coñecementos e adaptar boas prácticas relacionadas coa planificación e xestión dos espazos verdes urbanos.
A reunión marcou o comezo da fase de adaptación da rede e centrouse no modelo Green Council, unha proposta que busca fomentar a participación dos axentes locais e a colaboración entre os distintos departamentos municipais na xestión da infraestrutura verde.
Durante as xornadas, as cidades participantes compartiron experiencias, analizaron retos e coñeceron iniciativas que poderían trasladarse aos seus respectivos territorios. Entre as actividades destacou o Nature-based Solutions (NBS) Marketplace, un espazo de intercambio no que os socios presentaron e exploraron solucións baseadas na natureza, de pequena escala e con potencial para seren adaptadas a outros municipios.
O modelo Green Council, unha posible vía para Arteixo
Para Arteixo, o encontro permitiu coñecer outros modelos de xestión e explorar novas perspectivas para mellorar a planificación dos seus espazos verdes. En concreto, o traballo desenvolvido servirá para estudar como adaptar o modelo Green Council á realidade municipal, reforzando a coordinación entre as diferentes áreas do Concello e incorporando a participación dos axentes locais e da comunidade na toma de decisións.
O obxectivo é avanzar cara a unha xestión máis integrada e transversal da infraestrutura verde, conectando as políticas municipais coas necesidades e oportunidades do territorio.
Este proceso continuará a través do Grupo Local URBACT (ULG) de Arteixo, un espazo de colaboración e intercambio entre os distintos axentes implicados que terá un papel clave na elaboración de propostas concretas adaptadas ao contexto e ás prioridades do municipio.
A rede PARKS permite ás cidades participantes aprender unhas das outras, compartir coñecementos e adaptar boas prácticas ás súas propias realidades. O Concello de Arteixo agradeceu a acollida de Veszprém e a colaboración dos municipios socios durante o encontro.