Un edificio municipal da Coruña transformarase nun espazo para a vida independente e a inclusión social

ACoruñaXa
As vivendas de Marqués de Pontejos destinaránse a proxectos de vida independente e autonomía persoal, mentres que os locais acollerán iniciativas de emprego inclusivo e economía social
A CORUÑA viviendas pontejos
16 Jun 2026

As vivendas municipais situadas no edificio de Marqués de Pontejos terán un novo uso social orientado a favorecer a autonomía persoal e a inclusión de persoas con discapacidade e outras necesidades específicas de apoio. A proposta contempla destinar estes inmobles a proxectos de vida independente desenvolvidos en colaboración con entidades especializadas do terceiro sector.

A medida chega despois de que o futuro uso destas vivendas fose abordado no Pleno da Coruña a través dunha iniciativa presentada polo BNG, que reclamaba destinar este patrimonio municipal a fins sociais.

A iniciativa busca dar resposta a persoas que, ademais das dificultades habituais para acceder a unha vivenda, precisan contornas adaptadas, apoio profesional e acompañamento para avanzar cara a unha maior autonomía. Entre as potenciais beneficiarias atópanse persoas con discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista, diversidade funcional, neurodiverxencias ou outras necesidades específicas.

No proxecto participaron entidades sociais como ASPERGA, ASPANAES, ADCOR e ASPRONAGA, organizacións que colaborarán na definición das futuras actuacións e no acompañamento das persoas destinatarias.

A titularidade das vivendas seguirá sendo pública e os inmobles estarán vinculados exclusivamente a proxectos sociais concretos. Para iso, estableceranse requisitos como a definición previa dun proxecto técnico, a identificación das persoas beneficiarias, o acompañamento profesional e mecanismos de seguimento e avaliación.

Paralelamente, tamén se traballa no futuro uso dos baixos comerciais do inmoble. A previsión é abrir un procedemento de concorrencia pública dirixido a proxectos de emprego inclusivo, centros especiais de emprego de iniciativa social, empresas de inserción e entidades da economía social.

O obxectivo é que estes espazos poidan converterse nunha oportunidade para impulsar a inclusión sociolaboral e crear emprego entre colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral ordinario.

0.14497995376587