Un dispositivo de 200 persoas velará pola seguridade na Cabalgata de Reis da Coruña

ACoruñaXa
O percorrido, de 4,4 quilómetros, sairá de Vioño ás 17.30 h e rematará en María Pita, con cortes de tráfico e medidas reforzadas de inclusión no Teatro Colón
A CORUÑA cabalgata reis
5 Jan 2026

A cidade prepárase para a tradicional Cabalgata de Reis, que se celebrará este luns 5 de xaneiro cun amplo despregue municipal. O Concello coordina un dispositivo de seguridade con 200 persoas, que estará distribuído ao longo do itinerario e nas rúas adxacentes, co obxectivo de garantir o bo desenvolvemento dun dos eventos con máis afluencia do Nadal.

A comitiva real partirá ás 17.30 h da rúa Revolución Francesa, en Vioño, e continuará por Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, avenida Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, avenida da Marina, avenida de Montoto, Porta Real e María Barbeito, para finalizar na praza de María Pita. O traxecto suma uns 4,4 quilómetros.

En materia de mobilidade, o Concello informou de que non estará permitido estacionar desde a medianoite do día 4 en varias vías do percorrido: Revolución Francesa, Igualdade, Pérez Ardá (marxe dereita), avenida Fernández-Latorre, Costa da Palloza (marxe dereita) e Primo de Rivera (marxe esquerda). Haberá un operativo específico para reducir ao mínimo os cortes, con especial atención á contorna da estación de autobuses en Pérez Ardá, á praza de Ourense e ao acceso a Alfonso Molina desde Linares Rivas. As rúas iranse reabrindo segundo avance a cabalgata e o público abandone a calzada, como explicou a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz.

O plan inclúe tamén puntos de asistencia sanitaria en distintos emprazamentos do percorrido, entre eles Pérez Ardá, Primo de Rivera, praza de Ourense, Manuel Casás (con ambulancia medicalizada) e María Pita. Ademais, por motivos de seguridade e polas obras de remodelación dos Cantóns, non se permitirá o acceso de público no treito entre Entrexardíns e o Obelisco.

Nesta edición, o Concello reforza as medidas para favorecer a participación de persoas con diversidade funcional. Mantéñense as zonas accesibles con espazos prioritarios para persoas con mobilidade reducida (na contorna da Autoridade Portuaria e en Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses) e as zonas sen ruído para persoas con hipersensibilidade auditiva (fronte ao Hotel Avenida e no Teatro Colón). Como novidade, e grazas á colaboración con ENKI, no Teatro Colón habilitarase un préstamo de cascos de redución de ruído para facilitar que nenas e nenos con TEA e/ou dificultades de procesamento sensorial poidan desfrutar da cita. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, subliñou que o obxectivo é que a Cabalgata sexa 'un espazo pensado para todas as persoas'. Ademais, na web municipal xa se pode consultar un mapa interactivo con pictogramas para anticipar o trazado.

A comitiva estará formada por 13 vehículos: as tres carrozas dos Reis Magos, tres municipais e sete de entidades colaboradoras. Acompañaranas seis trens, un deles solidario, e este ano sumarase, xunto á tradicional carroza dos bombeiros, un tren da Policía Local. A animación correrá a cargo de 16 compañías artísticas con 170 persoas, e repartiraranse 7,5 toneladas de caramelos brandos e sen glute.

No conxunto do evento participarán máis de 1.200 persoas, incluíndo 500 figurantes, arredor de 100 monitoras e monitores, 45 auxiliares, e 20 integrantes da comitiva real. A chegada a María Pita completarase con propostas musicais previas: desde as 19.00 h actuará Pulpiño Viascón. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou á cidadanía a saír ás rúas e puxo en valor a coordinación entre áreas municipais para que a xornada se desenvolva con normalidade.

⚙ Configurar cookies
0.088858127593994