Un curso en Arteixo ensinará a manexar con seguridade máquinas de xardín

O Espazo Municipal Ecolóxico de Arteixo organiza a segunda edición do curso de manexo seguro de máquinas do xardín, unha formación dirixida a persoas afeccionadas á horta e á xardinería que queiran aprender a empregar correctamente as ferramentas máis habituais neste ámbito.
O obxectivo principal é coñecer as técnicas de uso seguro das máquinas empregadas no mantemento de xardíns, así como as tarefas básicas necesarias para o seu coidado e conservación.
A actividade será impartida por Vicente Manso Fuentefría e persoal do EME. Entre os contidos previstos figuran o coñecemento e descrición das distintas máquinas de corte, os equipos de protección individual, a ergonomía no traballo, o uso seguro de desbrozadoras e cortasetos, o mantemento e a carga de combustible, ademais do manexo axeitado de ferramentas manuais de corte.
O curso celebrarase no Parque Municipal de Monticaño, en Pastoriza, o venres 19 de xuño, de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado 20 de xuño, de 09.30 a 14.30 horas. As persoas participantes poderán levar as súas propias máquinas se así o desexan.
O prezo é de 25 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de Sumarte e asimilados, e de 35 euros para o público xeral. As prazas están limitadas a 15 participantes e asignaranse por orde de inscrición.
As inscricións e solicitudes de información poden realizarse a través do correo cursoseme@sumarte.gal ou no teléfono 604 012 930.