Un cosmólogo coruñés logra unha ERC Starting Grant para investigar por que se acelera a expansión do universo

GaliciaXa | ACoruñaXa
Antón Baleato Lizancos incorporarase ao IGFAE para desenvolver o proxecto ACCELLENS, dotado con dous millóns de euros, a partir de datos do fondo cósmico de microondas e da distribución das galaxias
cosmologo-coruna-anton-baleato-lizancos
4 Sep 2026

O cosmólogo coruñés Antón Baleato Lizancos acaba de conseguir unha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que permitirá a súa incorporación ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia. Desde o instituto desenvolverá o proxecto ACCELLENS, financiado con dous millóns de euros, co obxectivo de investigar as causas da aceleración da expansión do universo. A concesión da bolsa supón ademais o seu regreso a Galicia despois de desenvolver a súa carreira investigadora nos Estados Unidos e no Reino Unido.

As Starting Grant están destinadas a investigadores que comezan a crear o seu propio equipo ou programa de investigación independente e que deben acreditar o carácter innovador, a ambición e a viabilidade das súas propostas. Trátase dunha das convocatorias máis prestixiosas da investigación europea e apoia proxectos na vangarda do coñecemento liderados por investigadores que se atopan entre dous e sete anos despois da defensa da tese de doutoramento.

Coa incorporación de Baleato Lizancos, o IGFAE suma o seu segundo investigador beneficiario dunha Starting Grant, despois de César Cabrera, incorporado ao instituto no primeiro semestre de 2026 para desenvolver un proxecto centrado na simulación cuántica.

O misterio da expansión acelerada

O proxecto ACCELLENS pretende afondar nun dos grandes interrogantes da cosmología: por que o universo se expande cada vez máis rápido. Segundo explica Baleato Lizancos, desde o Big Bang o universo se atopa en expansión, pero durante os seus primeiros instantes experimentou unha aceleración moi intensa que desapareceu despois dunha fracción de segundo.

O fenómeno volveu producirse miles de millóns de anos máis tarde. “Seis mil millóns de anos despois, a aceleración volveu, e hoxe en día está a causar que o Universo se expanda de xeito cada vez máis rápido. Por que? Cal é o motor desta aceleración, e que revela sobre as leis fundamentais da natureza?”, sinala o investigador.

Para tratar de responder a estas cuestións, ACCELLENS combinará información procedente do fondo cósmico de microondas, a luz máis antiga que podemos detectar, coa distribución das galaxias no universo. A investigación empregará como ponte o efecto de lente gravitacional, mediante o que a masa das galaxias e a materia escura que as rodea distorsionan a luz do fondo cósmico.

Estas distorsións ofrecen información sobre a composición do universo e sobre a súa evolución. Ao mesmo tempo, o proxecto buscará eliminalas para poder estudar con maior precisión o universo primixenio. Para iso utilizará datos de dous dos principais instrumentos actuais, o Simons Observatory e o Dark Energy Spectroscopic Instrument (DESI).

“O proxecto ACCELLENS pretende revelar o motivo polo que o Universo se expandiu de maneira acelerada no principio dos tempos, e por que o volve facer hoxe”, resume o cosmólogo.

Unha carreira internacional

Antón Baleato Lizancos licenciouse en Física na Universidade de Columbia, nos Estados Unidos, e posteriormente realizou un máster en Física Teórica e Matemáticas na Universidade de Cambridge, no Reino Unido, onde tamén completou o doutoramento en cosmología. Desde 2021 é investigador posdoutoral na Universidade de Berkeley e no Lawrence Berkeley National Lab.

O investigador conta tamén coa bolsa posdoutoral Junior Leader da Fundación la Caixa e desempeña funcións de liderado no DESI, onde coordina a análise conxunta do agrupamento de galaxias e da pegada que estas deixan no fondo cósmico de microondas a través da lente gravitacional.

Tamén participa activamente no Simons Observatory, no que lidera o grupo de “delensing”, encargado de obter medicións precisas sobre a presenza de ondas gravitacionais xeradas nos primeiros instantes posteriores ao Big Bang. A complementariedade entre DESI e o Simons Observatory permitirá avanzar no coñecemento sobre a enerxía e a materia escura, os neutrinos e o universo primixenio.

Para Baleato Lizancos, a obtención da Starting Grant representa “o máximo ao que podía aspirar tanto no plano profesional coma no persoal”, ao permitirlle facer ciencia en condicións que considera “soñadas”, crear un grupo de investigación forte e participar en dous dos experimentos máis destacados do mundo.

O regreso a Galicia é outro dos aspectos que o investigador destaca especialmente. “Aínda por riba, poder facelo en Galicia, retornando despois de pasar media vida no estranxeiro”, explica, antes de subliñar a súa ilusión por incorporarse ao IGFAE polo papel que o instituto acadou no tecido científico e cultural galego e pola súa vontade de seguir medrando.

A chegada do cosmólogo reforzará así a área de Partículas Cósmicas e Física Fundamental do IGFAE, na que tamén se desenvolve HERON, outro proxecto ERC, neste caso da convocatoria Synergy Grant, liderado por Jaime Álvarez-Muñiz. O persoal do instituto participa ademais en posicións de responsabilidade en grandes colaboracións internacionais de física de astropartículas como o Observatorio Pierre Auger, LIGO, NEXT ou HyperKamiokande.

0.16726207733154