Un chef de Miño conquista o segundo posto no Campionato Galego de Tapas con 'Alma Atlántica'

A gastronomía de Miño conseguiu un lugar destacado no V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia grazas ao traballo de Iñaki Vila Porta, cociñeiro do restaurante Savi, que acadou o segundo posto do concurso coa súa creación 'Alma Atlántica'. A proposta tamén foi recoñecida co premio á mellor historia detrás dunha tapa, unha distinción que pon en valor tanto a elaboración culinaria como o relato que inspira o prato.
O certame celebrouse no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, na Ribeira Sacra ourensá, e reuniu 45 cociñeiros procedentes das catro provincias galegas durante dúas xornadas dedicadas á gastronomía en pequeno formato. A competición estivo impulsada pola Deputación de Ourense, co apoio de Turismo de Galicia, e organizada pola Academia da Tapa e do Pintxo.
A tapa de Vila Porta rende homenaxe á paisaxe mariñeira e á esencia do Atlántico. A elaboración combina gamba vermella, ovas, unha preparación con aire de auga de mar e unha crème fraîche iodada, todo sobre unha tartaleta crocante de pasta filo. A mestura de sabores mariños e texturas busca evocar a costa galega nun único bocado.
O premio á mellor historia detrás dunha tapa recoñeceu precisamente ese vínculo entre a proposta gastronómica e a súa inspiración. A creación de Savi presentouse sobre unha pedra de praia e evocaba os sabores e as sensacións do litoral. O galardón foi entregado por Tamara Cabezudo, integrante do xurado, mentres que Núria Sánchez, subdirectora de Docencia e Formación Continua do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, fixo entrega do trofeo correspondente ao segundo posto. O recoñecemento incluíu tamén 1.000 euros en produtos de IberCook Food Service.
Ourense leva o primeiro premio e Pontevedra completa o podio
O primeiro posto foi para Samuel Moreno, do establecemento O Campanario, situado en Nogueira de Ramuín, pola tapa 'Del porco hasta los andares'. A elaboración, baseada en leitón de porco celta cociñado a baixa temperatura, acompáñase de mazá e mostaza encurtidas, cunha presentación en forma de milfollas crocante de pasta filo e un caldo inspirado no ramen.
Moreno recibiu o trofeo do campionato e un premio de 1.500 euros en equipamento para hostalaría, achegado por Currás e Salgado. O terceiro posto recaeu en Gustavo Soliño Alfaya, de Pandemillo Taberna Mariñeira, en Cangas do Morrazo, coa creación 'As luras no seu laño', elaborada con lura da ría, arroz negro, cacahuetes afumados á brasa e salicornia.
O xurado estivo presidido por María José Meda, cociñeira do restaurante El Batán, distinguido cunha estrela Michelin e un Sol Repsol. Entre os criterios de avaliación figuraron a creatividade, a precisión técnica e o protagonismo do produto. Meda destacou o nivel das propostas e a variedade de combinacións presentadas polos participantes.
Doce premios especiais para recoñecer a creatividade gastronómica
Ademais dos tres primeiros postos, o campionato entregou doce premios especiais para distinguir elaboracións pola súa innovación, tradición, orixinalidade e capacidade para combinar produtos galegos.
Entre os galardoados figuran establecementos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. O premio á innovación foi para Samuel Moreno, por 'Del porco hasta los andares', mentres que a mención especial do xurado distinguiu a Carlos Permuy, de Arraigo, na Coruña, pola súa proposta 'Rosetón crujiente con anguila y pimientos ahumados'.
O premio á tapa tradicional recoñeceu 'Costilla e millo', de Juan Rubiños, do establecemento il Farabutto Fluvial, en Lugo. Pola súa banda, o galardón á mellor tapa sen glute foi para 'La Chula', de Francisco Purriños, do Central Park, na Coruña.
Ferrol tamén estivo representado entre os premiados. Adrián Pérez, do bar Sinxelo, conseguiu o recoñecemento ao mellor maridaxe con Aperol coa súa elaboración 'Bollito de tinta relleno de choco con emulsión de chipotle'.
O campionato enmárcase na iniciativa Ourense Enogastronómica, que busca dar a coñecer a provincia como destino turístico a través da combinación de gastronomía, viño, natureza e patrimonio. A cita serviu para amosar a diversidade da cociña galega e a capacidade dos profesionais para transformar produtos e tradicións en pequenas creacións culinarias.