Un certame de fotografía convida a retratar a esencia de Paderne

ACoruñaXa
O Concello abre ata o 15 de setembro a primeira edición de 'Paderne: unha ollada o paraíso', cun total de 900 euros en premios e dúas categorías, para móbil e cámara
PADERNE certame foto
23 Apr 2026

O Concello de Paderne dá un paso máis na súa aposta pola promoción cultural e pola difusión da identidade local coa convocatoria do seu I Certame de Fotografía, que levará por nome 'Paderne: unha ollada o paraíso'. A iniciativa, que mantén aberto o prazo de presentación de imaxes ata o 15 de setembro, busca poñer en valor a riqueza natural, patrimonial, etnográfica e costumista do municipio a través da mirada das persoas participantes.

A convocatoria chega despois da boa acollida das dúas primeiras edicións do Certame de Relatos Curtos, que este ano celebrará a súa terceira entrega o vindeiro 17 de maio. Agora, o executivo local amplía esa liña de acción cultural cun concurso centrado na fotografía e aberto a todas as persoas maiores de 16 anos, estean ou non empadroadas no concello.

O certame estrutúrase en dúas categorías, segundo o dispositivo empregado para captar as imaxes: unha para fotografías feitas con móbil e outra para instantáneas tomadas con cámara. Cada autor poderá presentar ata tres obras, que deberán ser orixinais, inéditas e recentes. Admitiranse tanto en branco e negro como en cor, pero non se permitirá a súa alteración electrónica nin fotomontaxes, nin tampouco imaxes xeradas por intelixencia artificial. Unicamente se aceptarán correccións mínimas de cor ou iluminación.

As fotografías deberán entregarse en formato .JPG, cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño máximo de 10 Mb, ademais de presentarse tamén en papel fotográfico cun formato de 20x30 centímetros. Todas as obras deberán ir tituladas e poderán entregarse no Concello ou a través da sede electrónica municipal.

En total, o concurso repartirá 900 euros en premios. Na categoría de móbil, os galardóns serán de 150, 100 e 50 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente. No caso da categoría de cámara, as contías ascenden a 300, 200 e 100 euros. O fallo do xurado, integrado por tres persoas designadas pola Administración local, darase a coñecer o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca.

A partir desa data, algunhas das fotografías presentadas poderán formar parte dunha exposición na Casa do Concello durante un mes. Desde o goberno local animan á participación nesta primeira edición, que nace coa vocación de consolidarse no tempo e de servir como escaparate da beleza e singularidade de Paderne.

0.10839605331421