Un bronce nacional impulsa ao Olímpico do Mandeo no Campionato de España de Remo Olímpico

ACoruñaXa
Marcos Pan subiu ao podio en skiff cadete masculino e o club de Bergondo pechou a cita de Banyoles no 23º posto do medalleiro
BERGONDO remo mandeo campeonato españa
22 Jun 2026

O Club de Remo Olímpico do Mandeo asinou unha destacada actuación no Campionato de España de Remo Olímpico cadete, xuvenil e sub23, disputado no lago de Banyoles, en Girona. A entidade bergondesa regresou da cita cunha medalla de bronce e varios postos de mérito nunha competición que reuniu a 61 clubs e unhas 450 tripulacións.

O gran resultado para o club chegou da man de Marcos Pan, que conseguiu a medalla de bronce en skiff cadete masculino. O podio confirmou o bo momento da canteira do Olímpico do Mandeo e permitiu á entidade situarse entre os clubs con presenza no medalleiro nacional.

Tamén competiron Lucía Otero, que rematou décima en skiff xuvenil feminino; Miriam Cagiao e Helga García, décimo quintas en dobre scull cadete feminino; e Javier Puentes e Yerai Álvarez, tamén décimo quintos en dobre scull xuvenil masculino.

Cos resultados obtidos, o Olímpico do Mandeo concluíu no 23º posto do medalleiro por clubs, nun campionato dominado polo Club Náutico Sevilla. A actuación deixa unha fin de semana de alto nivel para o remo de Bergondo e reforza o traballo de base dunha entidade que segue gañando presenza nas grandes citas nacionais.

0.12165999412537