Un bando municipal pide conter o consumo de auga en Irixoa ante o impacto das vagas de calor

As elevadas temperaturas estivais comezan a pasar factura ás reservas hídricas locais. O Concello de Irixoa emitiu un bando oficial para solicitar a colaboración urxente de toda a veciñanza cun obxectivo claro, facer un uso prudente e consciente da auga potable. Esta medida urxente tómase despois de detectar un incremento moi notable no consumo da rede de abastecemento municipal, unha situación provocada de forma directa polas sucesivas vagas de calor que se están a rexistrar nestas datas.
O alcalde do municipio, Antonio Deibe Sanmartín, suliñou a necesidade de priorizar os recursos dispoñibles para garantir sen incidencias tanto a subministración destinada ao consumo humano como as necesidades vitais dos animais. Por este motivo, dende a administración local pídese restrinxir o emprego de auga da traída unicamente para aquelas tarefas que resulten estritamente necesarias.
Neste sentido, o bando recolle unha serie de recomendacións explícitas para evitar o malgasto de auga mentres dure este episodio de calor. Entre as accións non esenciais que se deben paralizar ou evitar atópanse o regado excesivo de hortas, xardíns ou calquera zona verde, así como o lavado de automóbiles e o enchido de piscinas particulares. Os responsables municipais advirten de que o compromiso de cada veziño é un factor fundamental para manter a continuidade do servizo. Se as pautas de aforro non funcionan, o Concello podería verse obrigado a aplicar medidas moito máis restritivas, incluíndo posibles cortes ou limitacións no abastecemento xeral.