Un autobús e un roteiro para descubrir o Arteixo menos coñecido en familia

ACoruñaXa
AEMA, o Concello e Arriva organizan o 3 de outubro unha experiencia coa liña 5 dos buses interparroquiais e un paseo literario por Larín da man do historiador Xabier Maceiras
ARTEIXO bus electrico interparroquial
22 Sep 2026

Arteixo propón unha forma diferente de coñecer o municipio o vindeiro sábado 3 de outubro. A iniciativa 'Arteixo en familia' combinará un percorrido nun dos autobuses interparroquiais coa historia, a literatura e as lendas das parroquias que atravesa a liña 5.

A actividade está organizada por AEMA, Asociación das Empresas de Arteixo, en colaboración co Concello de Arteixo e a empresa de autocares Arriva, e contará coa participación do historiador local Xabier Maceiras, que será o encargado de explicar aos participantes diferentes lugares, personaxes, historias e curiosidades vinculadas ao territorio.

O percorrido terá como punto de saída e chegada Arteixo e seguirá parte do itinerario da liña 5, que conecta Larín, Monteagudo e Armentón. A proposta permitirá coñecer estas parroquias desde unha perspectiva diferente, aproveitando o propio transporte público como fío condutor da experiencia.

Unha ruta a pé pola historia de Larín

A xornada non quedará limitada ao percorrido en autobús. Unha vez en Larín, os participantes realizarán tamén un roteiro literario a pé polos camiños da parroquia, no que a literatura terá un papel protagonista.

A actividade permitirá achegarse á figura de Dora Vázquez, mestra durante 15 anos en Larín e autora de Bergantiñá, unha novela na que aparecen espazos, personaxes, historias e lendas relacionados con Arteixo.

Deste xeito, a proposta busca combinar patrimonio, memoria local e literatura nunha actividade pensada para compartir entre diferentes xeracións.

Dez entradas dobres entre as compras locais

As prazas para participar son limitadas e o acceso á actividade realizarase mediante un sorteo vinculado ao comercio local. Entre o 14 e o 28 de setembro, as persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos asociados a AEMA poderán rexistrar os seus tickets na web da asociación e participar no sorteo de dez entradas dobres.

A iniciativa pretende así unir o coñecemento do patrimonio de Arteixo co apoio ao comercio local, ofrecendo unha actividade na que se combinan transporte, paseo, literatura e historia.

 

0.14666199684143