Últimos días para solicitar as axudas ao comedor escolar en Oleiros

O prazo para solicitar as axudas municipais ao comedor escolar en Oleiros remata o vindeiro 30 de xuño. O Concello lembra ás familias con fillos e fillas en idade escolar que aínda poden pedir esta subvención, destinada a apoiar as economías familiares e reducir as diferenzas entre o alumnado segundo o centro educativo asignado.
As axudas poden cubrir o 100%, o 60% ou o 40% do custo do comedor, en función da situación económica de cada familia. Para axilizar a tramitación e o pagamento destas subvencións, o Concello asinou un convenio coas ANPA e AFA do municipio, que se encargan das xestións necesarias para o seu abonamento.
Desde o Goberno local destacan o labor destas asociacións de nais e pais, ás que agradecen a súa implicación tanto na xestión dos comedores escolares como na tramitación desta medida de apoio ás familias.
O Concello sinala que as ANPA e AFA están asumindo a xestión dos comedores escolares nun contexto no que, segundo defende a Administración local, debería ser a Xunta de Galicia quen se encargase deste servizo durante as etapas educativas obrigatorias.
Ante esta situación, Oleiros puxo en marcha esta liña de axudas co obxectivo de garantir unha maior igualdade entre os nenos e nenas do municipio, xa que a existencia ou non dun comedor xestionado pola Xunta depende do centro escolar que lles corresponde segundo a zona na que viven.