Últimos días para participar no concurso fotográfico que ilustrará o calendario municipal de Arteixo de 2027

O prazo para participar no concurso fotográfico convocado polo Concello de Arteixo para elixir as imaxes do calendario municipal de 2027 entra na súa recta final. As persoas interesadas poderán presentar as súas fotografías ata o vindeiro 5 de setembro, dentro dunha edición que este ano leva por lema “Lugares de encontro”.
A iniciativa busca recompilar imaxes dos espazos do municipio que forman parte da vida cotiá da veciñanza e que serven como puntos de encontro para familiares, amizades ou outros veciños. Cada participante poderá presentar tantas fotografías como desexe dos seus lugares favoritos de Arteixo.
As imaxes recibidas serán avaliadas mediante un sistema de dobre votación. Por unha banda, un xurado profesional realizará a súa selección e, por outra, a cidadanía poderá participar nunha votación popular.
Da combinación de ambas valoracións sairán as doce fotografías gañadoras, que ilustrarán os doce meses do calendario municipal de 2027 e pasarán a formar parte da publicación editada polo Concello.
Ademais da difusión das súas imaxes, as persoas autoras das fotografías premiadas recibirán unha contía económica que oscilará entre os 100 e os 500 euros, segundo a posición que ocupen na clasificación final.
O Concello lembra que as bases completas do certame e toda a información necesaria para formalizar a participación están dispoñibles na súa páxina web municipal.