Último fin de semana do Encontro Mundial de Humorismo con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril

ACoruñaXa
O Encontro Mundial de Humorismo botará o pano da súa cuarta edición o domingo 5 de maio cunha gala de peche no Teatro Colón
Imaxe de Sílvia Abril cunha camiseta de Deportivo da Coruña
Imaxe de Sílvia Abril cunha camiseta de Deportivo da Coruña
4 may 2024

O Encontro Mundial de Humorismo na Coruña afronta a derradeira fin de semana da súa cuarta edición na Coruña con algúns dos pratos fortes do seu cartel deste 2024. É o caso de La ruina, o show de Tomás Fuentes e Ignasi Taltavull baseado no podcast hómonimo e que regresa ao EMHU cunha dobre sesión no Teatro Colón.

As citas serán ás 12.30 e ás 18.00 horas e as entradas para ambos pases están esgotados desde hai semanas. Como é habitual na propsota, cada sesión precisará da colaboración activa do público, ademais das dúas figuras convidadas que participarán contando as súas “ruinas”, e quen as e os asistentes só descubrirán unha vez comece o espectáculo.

Doutra banda, o Pazo da Ópera acollerá este sábado, 4 de maio, unha dobre sesión do espectáculo 'Humoris Causa', ás 19.00 e 22.00 horas. Neste 2024, a produción propia do EMHU volverá xuntar, por primeira vez sobre un escenario, a catro dos mellores humoristas do país para facernos sorrir coma nunca. Nesta ocasión, a cita contará co incomparable inxenio de Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.

Antes, na mañá do sábado, ás 12.30 horas, o debate estará servido no Auditorio da Sede Afundación, coa mesa redonda O negocio do humor, unha proposta de entrada libre na que participarán Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e Luis Piedrahita. Cuestións como se o humor é un bo negocio, ou se é posible vivir del, serán o fío condutor para esta charla guiada polos protagonistas de algúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro do noso país.

A mesa 'O negocio do humor' é unha das actividades paralelas que, no marco do EMHU, forman parte da campaña Cultura por Alimentos, impulsada por Afundación (Obra Social ABANCA) e na que se convida ao público a trocar a súa “entrada libre” ao auditorio por produtos non perecedoiros que, posteriormente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas.

Peche o domingo

O Encontro Mundial de Humorismo botará o pano da súa cuarta edición o domingo 5 de maio. Pola mañá, a partir das 12.30 horas, o Teatro Colón acollerá a gravación do podcast 'El sentido de la birra', no que Ricardo Moya entrevistará a Antonio Resines. Non quedan convites dispoñibles para a cita, incluída na programación de actividades paralelas do EMHU.

Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas no mesmo recinto, terá lugar a gala final de clausura Fantastic Colofon, que nesta ocasión conducirán Javier Veiga, Xosé A. Touriñán, As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro) e David Cepo. Será unha noite ateigada de gags, risas e momentos únicos para gardar na memoria. Durante o desenvolvemento da gala, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso.