Trinta anos de rutas e excursións para maiores consolidan o programa 'Ven e Descubre'

ACoruñaXa
Oleiros ofrecerá en 2026 un total de 1.265 prazas dentro desta iniciativa de envellecemento activo, que inclúe saídas culturais, sendeirismo e unha viaxe de fin de semana
OLEIROS ven e descubre (1)
10 Apr 2026

O programa municipal 'Ven e Descubre' alcanza este ano o seu 30 aniversario convertido nunha das propostas máis asentadas de envellecemento activo en Oleiros. Decenas de veciños e veciñas participaron no acto de presentación desta nova edición, nun encontro no que tamén se recoñeceu a fidelidade de José Andrade Rey e Esther Fernández Lavandeira, presentes en todas as edicións da iniciativa.

A programación de 2026 contará con 1.265 prazas dirixidas a persoas maiores de 65 anos e incluirá 15 saídas de excursionismo, 8 rutas de sendeirismo e unha proposta de fin de semana completo. O Concello destinará a este programa un investimento total de 91.721,95 euros.

No apartado de excursionismo, a oferta céntrase en itinerarios culturais con visitas guiadas en grupo durante os meses de maio, xuño, xullo e setembro. As saídas levarán ás persoas participantes a destinos como Lalín e as terras do Deza, a Costa da Morte e O Salnés. Pola súa banda, o programa de sendeirismo incluirá percorridos pola serra da Cova da Serpe, Baldaio e Boimorto, ademais dunha ruta nocturna pola Illa de Sálvora orientada á observación do ceo.

O acto de presentación serviu tamén para entregar os premios do VIII concurso de fotografía 'María José Cayado', no que participaron persoas que formaron parte do programa o pasado ano. Na categoría de sendeirismo, o primeiro premio foi para Pilar Rioboo pola obra 'Fin do camiño'. En excursionismo, o galardón principal recaeu en Julio Rodríguez por 'O Reflexo da Ponte'. Ademais, concedeuse un accésit a Lino Rozas por 'Tapias de Casariego'.

As inscricións para participar tanto nas excursións como nas rutas de sendeirismo poderán realizarse por vía telemática ou por teléfono. No caso da atención telefónica, o proceso farase por localidades a partir do 17 de abril no número 981 610 000, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Para o sendeirismo, o prazo de inscrición abrirase o 29 de abril.

0.11971783638