Tres podios de bronce premian o traballo do CD Hydra no Torneo Territorial de Teixeiro

O CD Hydra pechou con tres medallas de bronce a súa participación no Torneo Territorial celebrado este domingo 31 en Teixeiro, unha competición organizada polo propio club e que reuniu sobre a pista a volantistas procedentes de diferentes puntos de Galicia, doutras comunidades españolas e tamén de Portugal.
Os bronces chegaron da man das parellas formadas por Sofía-Roi e Sofía-Vega, na categoría sub 11, e por Belén-Yiseth, na categoría absoluta. Os tres dúos conseguiron subir ao podio tras superar unha xornada esixente, marcada por partidos moi disputados e por enfrontamentos ante rivais de alto nivel.
Desde o club destacaron especialmente a evolución dos seus xogadores e xogadoras máis novos, que volveron demostrar que continúan dando pasos adiante en cada competición. A canteira sub 11 deixou boas sensacións, mentres que o grupo absoluto tamén asinou unha actuación sólida, coa participación de deportistas sénior e tamén dos dous Álvaros do club.
A cita serviu ademais para poñer en valor a capacidade organizativa do CD Hydra. A entidade contou coa colaboración das familias, fundamentais para que a xornada se desenvolvese con normalidade, e tamén coa implicación dos responsables federativos, que axudaron a axilizar o ritmo dos partidos.
O resultado reforza o bo momento do club, que continúa gañando presenza no bádminton galego grazas ao traballo diario dos seus deportistas e ao compromiso dunha base que segue medrando torneo tras torneo.