'Creamos un ambiente de club diferente': o club que fixo do bádminton unha familia en Teixeiro

Hai clubs que se explican polos resultados e outros que se entenden mellor mirando o que pasa arredor dunha pista. No Club Bádminton Hydra, o bádminton empeza no pavillón de Teixeiro, pero continúa nos coches das familias que viaxan aos torneos, nas merendas despois dunha competición, nas excursións improvisadas cando sobra tempo e nas amizades que se crean entre xogadores de idades moi distintas.

O club de Curtis naceu en 2019 cunha idea sinxela e moi necesaria: ofrecer unha alternativa deportiva ás nenas cando remataban a etapa de primaria. 'Creouse para que as nenas tivesen deporte', lembran Javier Cartón e Patricia Martínez, adestradores da entidade. Naquel momento, explican, as opcións eran escasas e o fútbol ocupaba case todo o espazo deportivo. Primeiro probaron co voleibol e tamén co atletismo, pero foi o bádminton o que acabou prendendo.
Desde entón, o Hydra foi medrando sen grandes campañas nin chamadas de atención. O que funcionou foi o boca a boca. Un rapaz chegaba por un compañeiro de clase, unha nena por unha amiga, unha familia por outra. 'Case todos veñen probar e quedan', resumen os adestradores. Así, pouco a pouco, o club pasou de ser unha pequena actividade local a reunir arredor de 90 deportistas e uns 150 socios.
A maioría proceden de Teixeiro, pero tamén hai xogadores e xogadoras doutros concellos e lugares da contorna, como Aranga, Sobrado, Vilasantar ou Irixoa. A pista converteuse nun punto de encontro para nenos de seis anos, adolescentes, persoas adultas e xogadores que superan os 70. Esa mestura é unha das marcas da casa.
No CD Hydra os grupos organízanse por idade e por nivel, pero a filosofía do club vai máis alá das categorías. Cando hai adestramentos, torneos internos ou actividades de convivencia, pequenos e maiores acaban compartindo xogo, aprendizaxe e bromas. 'Da igual que sexan nenos ou nenas, xogan todos xuntos', explican Cartón e Martínez, que insisten en que esa igualdade xorde de maneira natural.

Tamén por iso o peso feminino do club non se vive como unha excepción, senón como parte da súa identidade. A entidade naceu pensando especialmente nas rapazas e hoxe mantén unha forte presenza de mulleres, tanto na pista como na estrutura do club. 'Non temos en conta o sexo. Buscamos máis o nivel que a idade ou que sexa neno ou nena', sinalan.
Os primeiros días dun xogador novo son sinxelos: entrar na pista, coller unha raqueta e xogar. A partir de aí, van chegando os exercicios, os movementos, os golpes, a técnica e a competición. Pero o primeiro é que quen chega se sinta dentro. O club intenta adaptar os grupos ao nivel de cada deportista, aínda que os propios adestradores recoñecen que os horarios e os medios dispoñibles non sempre permiten facer todo o que lles gustaría.
Detrás desa actividade hai moitas horas de implicación persoal e traballo desinteresado. O Club Bádminton Hydra sostense grazas ao compromiso de quen adestra, organiza e acompaña, e tamén ao papel esencial das familias, que axudan nos desprazamentos, levan xogadores aos torneos e fan posible unha actividade que moitas veces obriga a madrugar moito e regresar tarde.. Hai competicións nas que saen ás 6.30 horas e volven ás 23.00 horas, sobre todo cando toca xogar no sur de Galicia.
A economía tamén marca o día a día do club. A entidade funciona con cotas reducidas, pequenas axudas e o esforzo das familias. A Xunta e a Deputación da Coruña colaboran con subvencións, mentres que o Concello de Curtis cede o uso do pavillón. Aínda así, o club continúa medrando cun modelo humilde, baseado máis na implicación persoal que nos recursos.

Ese ambiente é, precisamente, o que Javier Cartón e Patricia Martínez consideran diferencial. 'Creamos un ambiente de club diferente', explican. Cando van a un torneo e queda tempo libre, procuran facer algo xuntos: unha merenda, unha parada, unha pequena excursión. Non se trata só de competir, senón de que cada saída sexa tamén unha experiencia compartida.
Os resultados chegaron, pero nunca foron o único obxectivo. O Hydra xa tivo xogadores en campionatos galegos e estatais, chamadas para probas de selección e deportistas que funcionan como referentes para os máis pequenos. Nomes como Darío ou Álvaro aparecen na conversa como exemplos de progresión e de ilusión, pero os adestradores teñen claro que o valor do deporte non se mide só nas medallas.

'O deporte non é gañar. É suar, esforzarse e superarse', afirman. Por iso celebran unha vitoria, pero tamén que un rapaz consiga facerlle cinco puntos a un rival moi superior, que unha nena perda todos os partidos e saia dicindo que o pasou xenial ou que alguén que ao principio non chegaba a un volante sexa capaz, meses despois, de defender un remate.
Neses pequenos avances está boa parte do orgullo da entidade de Curtis. Os adestradores falan con especial cariño deses momentos nos que un neno ou unha nena descubre que pode facer algo que antes parecía imposible. 'A min gústanme eses pequenos momentos, esa alegría do día a día', contan.
O club tamén reivindica o bádminton como un deporte moito máis esixente do que parece desde fóra. O volante, lembran, pode saír a velocidades altísimas, e unha xogada require reflexos, resistencia, técnica e capacidade de decisión en moi pouco tempo. O que para moitos semella un xogo de praia convértese, dentro da pista, nun deporte rápido, intenso e moi completo.
Para as familias que dubidan se apuntar ou non aos seus fillos, o consello é claro: probar. Mirar primeiro, xogar despois e decidir sen presión. A experiencia do Hydra di que quen entra adoita quedar, non só polo bádminton, senón polo grupo que atopa arredor.

Ao mirar cara ao futuro, Javier Cartón e Patricia Martínez non falan de grandes promesas nin de obxectivos imposibles. A piques de cumprir sete anos como Club Deportivo Hydra, piden seguir funcionando, sumar mans, manter a actividade e continuar ofrecendo unha opción deportiva nun lugar onde non sempre houbo moitas alternativas. 'Somos un club humilde e sinxelo', din. Quizais por iso o Club Bádminton Hydra medrou tanto: porque antes que fabricar campións, decidiu construír comunidade e facer do bádminton, durante estes sete anos, un deporte delas e deles sen distinción.