Tres liñas de apoio aliviarán o gasto escolar das familias de Bergondo

ACoruñaXa
O Concello abre axudas para préstamo de libros, entrega de manuais e escolarización de cara ao curso 2026-2027
Imaxe do taller celebrado no CPI Cruz do Sar de Bergondo
Imaxe de Noelia Uceira
10 Jun 2026

As familias de Bergondo con fillos e fillas en idade escolar poderán acceder a tres liñas de apoio municipal para afrontar o inicio do curso 2026-2027. O Concello pon en marcha axudas vinculadas ao préstamo de libros de texto, á entrega de manuais e á escolarización, co obxectivo de reducir o esforzo económico que supón cada ano a volta ás aulas.

A primeira das medidas é o préstamo de libros de texto, que complementa o Fondo Solidario da Xunta de Galicia. Está dirixido ao alumnado do CPI Cruz do Sar desde 3º de Primaria ata 4º da ESO. O prazo para solicitalo permanecerá aberto ata o 30 de xuño e a tramitación realizarase preferentemente a través dun formulario habilitado polo Concello.

Para o alumnado do CRA que empregue libros no vindeiro curso e para os estudantes de 1º e 2º de Primaria do CPI Cruz do Sar, o Concello activa outra liña centrada na entrega de libros. Neste caso, as solicitudes poderán presentarse desde este xoves 11 de xuño ata o 9 de xullo, a través do rexistro municipal, tanto de forma presencial como mediante a sede electrónica. No caso de Primaria, será necesario solicitar tamén a axuda da Xunta para a adquisición de libros e material escolar.

A terceira vía de apoio son as axudas á escolarización, destinadas á compra de material escolar e libros. Esta convocatoria conta cun orzamento total de 12.000 euros e está dirixida ao alumnado dos CRA e do CPI Cruz do Sar. As achegas oscilarán entre 30 e 120 euros, en función da situación económica das familias.

Neste último caso si se terá en conta o nivel de ingresos, xa que as persoas solicitantes non poderán superar os límites establecidos nas bases. O prazo de presentación será tamén do 11 de xuño ao 9 de xullo, a través do rexistro municipal.

Con estas tres convocatorias, Bergondo busca reforzar o apoio á educación pública e facilitar que o inicio do curso non supoña unha carga excesiva para os fogares. As familias interesadas poden solicitar máis información no teléfono 981 791 252, extensións 7 e 4, ou nos correos cultura.deportes@bergondo.gal e monica.mourin@bergondo.gal.

0.11957001686096