Tranvías reforzará o servizo de autobús na noite de San Xoán con lanzadeiras especiais e bus búho na Coruña

Tranvías reforzará o seu servizo durante a noite de San Xoán cun dispositivo especial de transporte urbano que conectará a praza de Pontevedra cos distintos barrios da Coruña durante a madrugada do 24 de xuño. O obxectivo é facilitar os desprazamentos da cidadanía mediante unha alternativa eficiente ao vehículo privado, favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible nunha das celebracións con maior participación da cidade.
O operativo estará composto por nove lanzadeiras especiais que funcionarán entre as 00:15 e as 02:30 horas, con saída desde a praza de Pontevedra. Posteriormente, a partir das 03:00 horas, entrará en servizo o bus búho, que realizará saídas cada media hora ata as 07:00 horas.
No caso do búho, as expedicións das horas en punto manterán o seu percorrido habitual, mentres que as saídas das medias circularán en sentido inverso, pasando primeiro por Os Castros e continuando cara a Castrillón. Para facilitar a identificación dos destinos, as lanzadeiras manterán a numeración e denominación habitual das liñas urbanas ás que substitúen de forma temporal.
Detalle das lanzadeiras especiais
Liña 1: saída da praza de Pontevedra, incorporándose na praza de Ourense ao seu itinerario habitual. Circulará pola avenida de Oza en lugar de facelo pola avenida do Exército, dando servizo a A Gaiteira, Os Castros e Castrillón, baixando pola avenida de Monelos.
Liña 1A: saída da praza de Pontevedra, incorporándose na praza de Ourense ao seu itinerario habitual. Atenderá a zona de Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Barrio das Flores, Eirís, Pedralonga e A Pasaxe, aínda que neste último punto só se accederá se hai usuarios que o soliciten; en caso contrario, realizará o retorno á praza de Pontevedra.
Liña 3: prestará servizo desde a praza de Pontevedra ata Os Rosales seguindo o seu itinerario habitual neste tramo, pasando por Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e San Pedro de Visma.
Liña 3A (circular Cidade Vella – Monte Alto): desde a praza de Pontevedra a Monte Alto, polo itinerario seguinte: praza de Pontevedra, Obelisco, Porta Real, Parrote, Maestranza, Orillamar, Adormideiras, Rolda de Monte Alto, Mercado de Hércules, avenida de Hércules, rúa da Torre, praza de España, Hípica, Abente y Lago, Obelisco e praza de Pontevedra.
Liña 6: da praza de Pontevedra a Meicende, prestando servizo ás zonas de Paseo dos Pontes-Santa Margarita, parte alta da Sagrada Familia, Agra do Orzán e Ventorrillo, na súa parte máis próxima á avenida de Finisterre, continuando pola Moura ata Meicende.
Liña 7: da praza de Pontevedra ao Ventorrillo, atendendo Peruleiro, Rolda de Outeiro, Agra do Orzán e todo o contorno de Vila de Negreira.
Liña 11: da praza de Pontevedra aos Mallos, prestando servizo a Pla y Cancela, contorno da Rolda de Nelle (zona Os Mallos), Os Mallos, Vioño e parte baixa da Sagrada Familia.
Liña 21: da praza de Pontevedra a Novo Mesoiro, con servizo ao contorno de Cuatro Caminos-El Corte Inglés, segunda fase de Elviña, Pablo Picasso, Birloque, Martinete, Mesoiro e Novo Mesoiro.
Liña 24: da praza de Pontevedra á Zapateira, realizando o itinerario habitual da liña 24. A primeira saída será ás 00:30 horas, mantendo unha saída cada 30 minutos ata as 02:30 horas.