Teixeiro celebra o ouro de Álvaro Yáñez co combinado galego Sub 15 no Campionato de España de Badminton

ACoruñaXa
O xogador do CD Hydra formou parte da selección galega que se proclamou campioa de España tras un brillante torneo, culminado cunha contundente vitoria por 4-1 ante Castela e León na final
CURTIS alvaro hydra campeon galego
22 Jun 2026

O CD Hydra está de celebración tras o éxito acadado por Álvaro Yáñez, deportista do club, que vén de proclamarse campión de España coa selección galega Sub 15 de bádminton no Campionato de España de Seleccións Autonómicas.

O combinado galego completou unha actuación brillante ao longo de toda a competición. Na fase de grupos superou con claridade a Aragón e Cataluña, ambos os dous encontros por 7-0. Xa nas eliminatorias, Galicia venceu a Asturias nos cuartos de final por 4-0 e a Baleares nas semifinais polo mesmo resultado.

A final enfrontou á selección galega con Castela e León, nun duelo no que Galicia confirmou o seu gran nivel e conquistou a medalla de ouro cun contundente 4-1.

Álvaro Yáñez foi o único representante dos concellos da comarca nesta selección campioa, un feito que enche de orgullo ao CD Hydra e á localidade de Teixeiro. Desde o club trasladaron os seus parabéns ao xogador, á súa familia e ao corpo técnico, ademais de agradecer a confianza depositada polo seleccionador galego.

Este triunfo supón un importante recoñecemento ao traballo de base que desenvolve o CD Hydra e sitúa a Teixeiro no mapa do bádminton galego e estatal.

0.12469410896301