Teatro, bailoterapia e lingua de signos amplían a programación para os maiores de Oza Cesuras

O Centro de Maiores de Oza Cesuras amplía a súa oferta de actividades con novas propostas pensadas para favorecer a participación, o benestar e o envellecemento activo. Entre as incorporacións figuran bailoterapia, teatro e lingua de signos, que se suman ao programa que se desenvolve ao longo do curso.
As novas actividades poderán coñecerse durante unhas xornadas de portas abertas no propio Centro de Maiores. A bailoterapia terá lugar os mércores de 10.00 a 11.00 horas, mentres que o teatro se desenvolverá tamén os mércores, de 11.15 a 12.15 horas. Pola súa banda, a actividade de lingua de signos celebrarase os venres de 11.00 a 12.00 horas.
Estas propostas forman parte dunha programación máis ampla dirixida ás persoas maiores do municipio, con actividades orientadas tanto á actividade física como á estimulación cognitiva, a creatividade e a participación social.
O Centro de Maiores funciona como un espazo de encontro e convivencia, con iniciativas destinadas a promover a autonomía persoal, as relacións sociais e hábitos relacionados cun envellecemento activo. A programación mantense ao longo do curso con diferentes actividades adaptadas ás persoas usuarias.