SUMARTE presenta en Madrid o modelo de xestión pública da auga de Arteixo

ACoruñaXa
O director xerente da empresa municipal, José Manuel Álvarez-Campana, participou no congreso Future4 Water 2026, onde compartiu a experiencia do municipio na xestión da auga
ARTEIXO madrid presentacion agua
25 Nov 2026

A empresa pública Servizos Urbanos Municipais de Arteixo (SUMARTE) levou a Madrid o modelo de xestión municipal da auga implantado no concello. O seu director xerente, José Manuel Álvarez-Campana, participou no congreso Future4 Water 2026, un encontro de referencia para o sector en España que reúne representantes das administracións públicas, empresas xestoras, operadores e especialistas para analizar os principais retos da xestión hídrica.

Álvarez-Campana interveu nunha mesa dedicada á visión dos operadores sobre o futuro da auga, na que compartiu espazo con responsables doutras entidades do sector, como Veolia e Aigües de Manresa. Durante o encontro abordáronse cuestións como as novas esixencias ambientais, a modernización das infraestruturas, a dixitalización dos servizos e a necesidade de garantir a sustentabilidade dos sistemas de abastecemento e saneamento.

Na súa intervención, o responsable de SUMARTE explicou o modelo público de Arteixo, baseado na xestión directa dun servizo esencial a través dunha empresa de titularidade municipal. Esta fórmula permite que o Concello manteña a capacidade de decisión sobre o abastecemento, o saneamento e a depuración, orientando a planificación e os investimentos ás necesidades do municipio e ao interese xeral.

A experiencia de Arteixo tamén pon o foco na utilización dos recursos xerados polo propio servizo para mellorar e modernizar as infraestruturas. Segundo expón a empresa municipal, a xestión pública facilita que as decisións se adopten atendendo ás necesidades reais da veciñanza e que o Concello conserve o control sobre un recurso estratéxico.

Neste ámbito, SUMARTE está a desenvolver unha estratexia de modernización tecnolóxica do ciclo integral da auga a través de iniciativas como SUMAGUA. O proxecto aposta pola dixitalización das redes de abastecemento, saneamento e drenaxe mediante sistemas de monitorización e análise de datos. Estas ferramentas permiten coñecer mellor o estado das instalacións, optimizar o seu funcionamento e detectar posibles incidencias, co obxectivo de avanzar cara a un servizo máis eficiente e sostible.

A participación no congreso ofreceu tamén á empresa municipal a oportunidade de dar a coñecer fóra de Galicia o traballo que se está a desenvolver en Arteixo e de incorporar a experiencia do municipio ao debate sobre os novos modelos de gobernanza da auga.

0.18188691139221